O PSOE ourensán avala a moción de censura en Ribadavia

O grupo socialista municipal e Ribeiro en Común anunciaron onte a presentación dunha moción de censura contra o Goberno do Partido Popular por supostos incumplimentos dos compromisos acadados coa veciñanza.
Imaxe de arquivo do barrio xudeo da localidade. Foto Turismo da Galiza
photo_camera Imaxe de arquivo do barrio xudeo da localidade. (Foto: Turismo da Galiza)

O PSdeG-PSOE de Ourense amosou esta terza feira o seu apoio a Noelia Rodríguez, virtual alcaldesa de Ribadavia após anunciar onte a moción de censura os grupos municipais do PSOE e Ribeiro en Común.

Rodríguez substituirá no cargo ao popular César Fernández e estará acompañada, na tenencia de alcaldía de Paula Rodríguez, do outro partido que apoiou o cambio no Concello. Ambas formacións quixeron destacar que este vai ser o primeiro “Goberno municipal da historia de Ribadavia a cargo de mulleres”.

Desde o punto de vista dos socialistas, esta mudanza na xestión do Consistorio vén dada porque o PP goberna “en minoría sen ter defendido unha soa inversión para a vila e sen lograr orzamentos para 2021, en plena crise sanitaria provocada pola terceira onda da pandemia”.

Ante os supostos incumprimentos, os dous grupos decidiron xuntar aos seus sete concelleiras (de 13) para facer valer a maioría e apear a Fernández do cargo que tiña desde as pasadas municipais. De feito, entenden que existe unha “urxencia para mellorar a situación do Concello”.

O BNG decidirá o sentido do seu voto nunha asemblea previa ao pleno decisivo pero a maioría xa ten falado, salvo que haxa cambios de última hora.

Para o secretario provincial do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, esta previsión é “unha gran nova” porque se chegara a unha “situación insostíbel” na que o Executivo municipal do PP non foi quen de “elaborar uns orzamentos nin conseguir inversións de relevancia”. Segundo Villarino, o rexedor popular e a súa equipa veñen intentando dirixir Ribadavia “con políticas clientelares e agora non goberna en ningunha das vilas da provincia sen ter peso urbano”.

Pola súa banda, Rodríguez promete que formarán un goberno “de esquerdas amplo, plural de progreso e feminista”. Iso si, a primeira medida a tomar estará relacionada co coronavirus.

Comentarios