Feixoo proclama o seu "cariño" pola monarquía, que "une os demócratas en España"

O presidente da Xunta afirmou que é Juan Carlos I é "un galego ilustre". "Sempre que queira volver (á Galiza) estaremos encantados de recibilo".
Felipe de Borbón recibiu onte o presidente da Xunta na Zarzuela.
photo_camera Felipe de Borbón recibiu onte o presidente da Xunta na Zarzuela.

Case tres horas durou o encontro mantido entre o rei Felipe VI e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Palacio da Zarzuela, esta terza feira, 15 de setembro, nunha xuntanza protocolaria ao ser electo xefe do Executivo galego.

Feixoo proclamou o seu "cariño e admiración" pola monarquía constitucional, valorou positivamente o papel da institución nos actuais momentos de dificultade pola crise derivada da pandemia de coronavirus e declarouse "entusiasta" do papel que xoga o monarca español.

Por outra banda, cuestionado polos xornalistas sobre a fuxida do rei emérito, Juan Carlos I de Borbón, Feixoo afirmou que é "un galego ilustre". "Sempre que queira volver (á Galiza) estaremos encantados de recibilo", aseverou.

O mandatario galego informou Felipe VI sobre a evolución da pandemia do coronavirus na Galiza, onde "a Sanidade seguirá sendo unha prioridade", dixo. 

Ademais abordou co rei outros "temas que interesan aos galegos", como "os problemas de Alcoa, das Pontes" ou os proxectos 'tractores' cos que a Xunta pretende optar aos fondos europeos de reconstrución post Covid-19. Nesa liña, e "dado que o rei é embaixador vitalicio do Camiño de Santiago", o presidente da Xunta pediu a súa "axuda" para ampliar a celebración do Xacobeo até xullo de 2022. A ese respecto, lembrou que, coa actual crise sanitaria, "hai dificultades para peregrinar e celebrar o Ano Santo, que empezará o 1 de xaneiro de 2021".

Comentarios