Feixoo recuncará por quinta vez como líder do PP na Galiza

Feixoo, presentando os avais da súa candidatura (Imaxe: Europa Press).

Alberto Núñez Feixoo será reelixido por quinta vez líder do PP no 17º congreso da formación na Galiza. Un conclave que foi trasladado de Pontevedra a Santiago de Compostela debido á evolución da pandemia.

Neste conclave, que decorre entre a sexta feira e o sábado, o tamén presidente da Xunta estará arroupado por numerosos dirixentes da súa formación, co xefe de filas do PP, Pablo Casado, que acudirá á clausura na última xornada, á cabeza.

Coa lema 'Un camiño por percorrer' e na semana na que se conmemora a cuarta vitoria electoral de Feixoo nas urnas, o congreso arrincará na sexta feira ás 16.30 horas no Multiusos do Sar.

Nesta primeira tarde debateranse os relatorios e intervirá o secretario xeral do PP a nivel estatal, Teodoro García Egea.

Tamén terán voz o dez líderes autonómicos do partido que se desprazarán á Galiza con motivo do conclave: Andalucía, Madrid, Castela e León, Murcia, Castela-A Mancha, Estremadura, Euskadi, Aragón, Asturias e Cantabria.

O principal punto de interese da xornada chegará a partir das 19 horas, cando Feixoo desvele a lista completa que o acompañará á fronte da formación nos próximos anos.

Con todo, para o cargo con principal protagonismo no organigrama popular, a secretaría xeral, Feixoo xa desvelou que quere seguir contando co ferrolán Miguel Tellado, con quen sumou dúas maiorías absolutas desde que o 'fichou' para o cargo no último congreso galego, decorrido en 2016.

Candidato por quinta vez?

O pasado 16 de xuño, cando entregou os avais, Feixoo evitou desvelar se será ou non candidato á Presidenciad a Xunta por quinta vez en 2024. 

Se ben os estatutos do partido dan lexitimidade ao presidente ante a chegada dun proceso electoral, concorrer "non é obrigatorio nin automático". Polo de agora, o que el quere, dixo, é seguir "a liderar o partido" e "nada máis".