Feixoo evita atarse como candidato á Xunta en 2024

Presenta 6.000 sinaturas para optar por cuarta vez a liderar o PPdeG.

Feixoo avais
photo_camera Feixoo na presentación das 6.000 sinaturas. (Foto: Europa Press)

Un total de 6.119 sinaturas en 14 tomos son as que entregou Alberto Núñez Feixoo esta cuarta feira na sede do PPdeG para optar por cuarta vez a liderar a formación. Segundo as súas propias palabras, faino non polo que conseguiu até agora, senón "polo que queda por facer" e coas eleccións municipais como reto máis inmediato.

En todo caso, Feixoo evitou atarse e aclarar se será candidato á Xunta por quinta vez no ano 2024. O seu compromiso, afirmou, é esgotar a actual lexislatura e, baixo o seu punto de vista, sería "un acto de soberbia" anticipar que sucederá antes das próximas eleccións galegas.

Se ben os estatutos do partido dan lexitimidade ao presidente ante a chegada dun proceso electoral, concorrer "non é obrigatorio nin automático". Polo de agora, o que el quere é seguir "a liderar o partido" e "nada máis".

Iso si, preguntado acerca de se é propio do século XXI un liderado que se prolonga desde o ano 2006, defendeu que el é partidario dos liderados que son "referendados" non só internamente, senón tamén nas urnas.

Dito isto, interrogado ao respecto, aclarou que estas palabras non esconden ningunha mensaxe velada cara ao seu xefe de filas, Pablo Casado, xa que no Estado español "o normal" é non lograr a vitoria "nin á primeira nin á segunda".

O hipotético quinto mandato no ar

O Partido Popular galego camiña cara ao seu XVII Congreso. Ao plenario, que decorrerá 16 e 17 de xullo, sucederanlle os congresos provinciais en que se renovarán as direccións territoriais do partido.

No resultado deses procesos estarán moitas das chaves do relevo de Alberto Núñez Feixoo que, polo de agora, segue sen aclarar se optará ou non a un quinto mandato na Xunta.

No que si insistiu é en que, malia non dar avances sobre o seu futuro a medio prazo, "todo o seu compromiso, ilusión e experiencia" está para o que precise o PP. De momento "ten o corazón, a cabeza e os pés na Galiza", territorio para o que reclama un modelo de política "que defende o país" e que non ten que envexar ao coñecido en Catalunya.

"O que queda por facer"

Respecto desa candidatura interna "polo que queda por facer", o actual presidente da Xunta da Galiza recoñeceu que os populares teñen "moitos desafíos que afrontar".

O principal parece ser chegar a liderar as principais institucións locais e provinciais. De feito, afirmou que o PP é "máis necesario que nunca" ante un BNG "cada vez máis radical e separatista" e un PSOE "cada vez máis esvaecido e balbucinte".

Así afeou que os socialistas se dediquen a "cubrir as contradicións" do Goberno español de Pedro Sánchez e a súa relación de "submisión aos intereses dos partidos independentistas cataláns", mentres os nacionalistas galegos convidan Gabriel Rufián ao país para "tentar copiar o modelo rupturista e independentista de ERC".

Comentarios