Política

O BNG pedirá no Congreso que as crianzas até 14 anos poidan saír a espazos públicos unha hora ao día

O deputado nacionalista Néstor Rego considera un "despropósito" que o Goberno propoña que as menores poidan ir a supermercados, que son zonas de risco, e non a un parque público.

Néstor Rego (BNG).
photo_camera Néstor Rego (BNG).

O BNG rexistrou esta terza feira no Congreso unha proposta de modificación á solicitude de prórroga do estado de alarma do Goberno para prever que os menores de 14 anos poidan saír durante un máximo de unha hora diaria a espazos públicos como prazas, parques e lugares abertos, sempre acompañados dunha persoa adulta e mantendo as distancias e precaución necesarias. 

O deputado do BNG, Néstor Rego, considera un "despropósito" que o Goberno prevea permitir que as menores poidan acompañar persoas adultas a supermercados, que son "lugares de alto risco de contaxio", e non a un espazo público "no que é máis fácil manter as distancias e a seguranza". 

Rego sinalou que "só con mentalidade típica da Castellana, desde o descoñecemento de realidades como a da Galiza, se poden entender propostas como a que acaba de avanzar o Goberno. Tamén aquí se pode comprobar os efectos perversos do centralismo, de pretender decidir todo desde Madrid, de costas á nosa realidade e as nosas necesidades". 

Na proposta de modificación presentada polo BNG ao artigo 4.2. do texto presentado polo Executivo presidido por Pedro Sánchez recóllese ademais que as menores "por razóns de seguridade non poderán utilizar os parques infantís nin outras instalacións públicas de ocio similares". 

Asemade, o BNG proporá "que se reverta o proceso de centralización do mando na crise sanitaria, após a constatación de que foi ineficaz e, por tanto un erro". Nese sentido, a proposta da formación nacionalista é que sexa competencia do Goberno galego, e dos gobernos do resto dos territorios estatais, "deseñar e executar os Plans de desescalada ou de redución paulatina das medidas derivadas do Real Decreto do estado de alarma dentro do seu ámbito territorial e competencial". 

Comentarios