Feixoo abrirá contactos con socios do PSOE para explorar unha moción de censura tras o ingreso en prisión de Cerdán
O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, encargoulle ao portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, que chame aos socios parlamentarios do PSOE para comprobar se seguen apoiando o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tras o envío a prisión do 'ex número tres' dos socialistas, Santos Cerdán. Así o anunciou Feixoo nunha mensaxe na rede social X, no que lamentou que o "número dous" de Sánchez durmiu "en prisión" e o xefe do Executivo "pretende seguir". "É insostíbel", sentenciou o líder da oposición.
Por iso, pediu a Tellado que inicie unha rolda de contactos cos grupos para que digan "se o seu apoio ao PSOE segue intacto". "Agora mesmo son o único obstáculo para que os españois falen e poidamos reparar tanta decadencia", engadiu.
Estes contactos para explorar unha posíbel moción de censura teñen lugar despois de que esta segunda feira o Tribunal Supremo ordenase o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do ex secretario de Organización do PSOE Santos Cerdán pola presunta trama de cobranza de comisións a cambio de obra pública, atribuíndolle delitos de organización criminal, suborno e tráfico de influencias.
Catro votos
A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, que nas últimas horas anunciou deixará a secretaría xeral do Partido Popular, insistiu o pasado sábado na negativa do seu partido de presentar unha moción de censura contra o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pola falta de apoios, aínda que advertiu que "se eses catro votos xurdisen", ese mesmo día rexistrarían a moción para "terminar" co Executivo.
"Se eses catro votos xurdisen, evidentemente ese mesmo día estaría presentada", afirmou a dirixente do PP nunha entrevista no programa Parlamento de TVE, e na que subliñou que "hai motivos e ganas de terminar con este Goberno e que Pedro Sánchez pase a formar parte do pasado da historia da política española".
