Cuca Gamarra deixará a secretaria xeral do PP no congreso estatal da formación

Nunha rolda de prensa do PP, Gamarra indicou que agora se abre unha etapa distinta e que ela propuxo a Feixoo a necesidade "dunha substitución".
Cuca Gamarra e Alberto Núñez Feixoo, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Cuca Gamarra e Alberto Núñez Feixoo, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, deixará o seu cargo como 'número dous' do Partido Popular no congreso estatal que a formación manterá esta fin de semana en Madrid, mais seguirá formando parte do núcleo duro de Alberto Núñez Feixoo, previsibelmente levando a área de Xustiza, segundo confirmaron fontes da organización popular.

Nunha rolda de prensa do PP, Gamarra indicou que agora se abre unha etapa distinta e que ela propuxo a Feixoo a necesidade "dunha substitución". "Pido substitución e, nese sentido, corresponde a el decidir quen son as persoas máis adecuadas e en que sitio para abordar o futuro que temos por diante nunhas crises importantes desde o punto de vista político que está a vivir o noso país", declarou Gamarra.

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, agradeceu esta segunda feira a súa axuda estes tres anos para "reunificar" o partido e lograr vitorias electorais e confirmou que "seguirá xogando no seu equipo" a pesar de que deixará de ser a secretaria xeral da formación. Feixoo lembrou que hai tres anos, no congreso do PP en Sevilla tras a guerra interna entre Isabel Díaz Ayuso e Pablo Casado, recibiu o "encargo de reunificar un PP para volver cultivar vitorias electorais".

"Cuca Gamarra axudoume desde o primeiro día a conseguilo. Por iso dará substitución como secretaria xeral, mais seguirá xogando no meu equipo", manifestou.  Coa saída de Gamarra, diferentes fontes do PP sitúan Miguel Tellado como novo secretario xeral.

Comentarios