Feixoo irá ao Parlamento para explicar as medidas contra a Covid-19

O grupo parlamentar do PP e os partidos da oposición pactan a comparecencia do presidente galego para facer un seguimento da evolución da pandemia na Galiza
Feixoo após un Consello da Xunta.
photo_camera Feixoo após un Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, comparecerá no próximo pleno do Parlamento da Galiza para explicar a situación da pandemia e as medidas e actuacións do seu Goberno, na liña de demandado polas forzas da oposición.

Malia que nacionalistas e socialistas reclamaron unha sesión extraordinaria, finalmente pactaron unha fórmula de compromiso pola que o mandatario dará contas á Cámara da resposta do seu Executivo diante da pandemia.

A vontade de acordo foi valorada positivamente ao remate da xunta de portavoces polo secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado, quen aproveitou para ironizar sobre que os "mesmos" que na Galiza fan esta petición non a avalaron no Congreso dos Deputados, en relación á actitude do presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez.

Tellado lembrou a petición dun pleno monográfico realizado polo BNG, pero segundo explicou, os populares entenderon que "non era necesario" e que "o control" ao Executivo estaba xa previsto estatutariamente e no propio regulamento parlamentario, polo que viron "factíbel" este cambio.

A deputada do BNG, Olalla Rodil congratulouse "do acordo" entre o tres grupos para que se produza a comparecencia de Feixoo, xa que “a sociedade precisa saber cales son as medidas que se están adoptando e cales se van adoptar". "Estamos de cheo na segunda onda", indicou, antes de sinalar que é preciso tomar decisións para facer fronte á Covid-19.

“O BNG vén avisando da necesidade de medidas contundentes ante as cifras do coronavirus”, agregou.

O viceportavoz do PSdeG, Pablo Arangüena, tamén salientou que era "absolutamente necesaria" esta comparecencia do presidente da Xunta para explicar as medidas que se están adoptando nesta segunda onda da pandemia e non pasou por alto que se trata dunha situación "extraordinaria".

Comentarios