Facenda fixa unha nova sanción de 30.000 euros para emigrantes retornados

A Axencia Tributaria sancionará con multas de até 30.000 euros a quen non teña informado de propiedades ou contas no estranxeiro por valor superior a 50.000. O prazo de presentación rematou o pasado 30 de abril e a maior parte dos emigrantes retornados non cumpriron o requerimento ao non ter coñecemento da nova modificación de Facenda. 

Manifestación
photo_camera Manifestación

Unha modificación de Facenda obrigaba ás persoas con bens ou contas no estranxeiro por valor superior a 50.000 euros a informar nun prazo que se abriu o 1 de xaneiro e pechouse a 31 de abril. Quen non procedera a facer a declaración informativa poderá ser multado con sancións de entre 30.000 e 10.000 euros. O colectivo de emigrantes retornados que fan a declaración pola súa conta son os principais afectados polas posíbeis sancións xa que, maiormente, descoñecían a obrigatoriedade da declaración informativa nova, coñecida como Modelo 720, por outra banda, de moi difícil cumprimento. 

Contas, valores, dereitos, seguros, rendas, bens inmóbeis e dereitos sobre bens inmóbeis son os bens afectados por esta declaración informativa que, en anos posteriores, se terá que realizar de primeiro de ano até 31 de marzo. Por vez primeira neste exercicio introdúcese esta declaración informativa, con multas por incumprimento que afectarán non só a quen non a teña realizado en prazo senón a quen esquecese incluír bens ou non entregase todos os datos requeridos.

A medida afectará, polo tanto, as persoas contribuíntes con contas, valores ou bens no estranxeiro a 31 de decembro do ano anterior que non teñan declarado en prazo. A non presentación da “Declaración informativa sobre bens e dereitos no estranxeiro”  está considerada como unha infracción por ocultamento, penada coa sanción fiscal máxima que, nalgúns casos, pode chegar ao 150% do valor do ben.  

 "O colectivo de emigrantes retornados que fan a declaración pola súa conta son os principais afectados polas posíbeis sancións xa que, maiormente, descoñecían a obrigatoriedade da declaración informativa" 

Arredor de 30.000 son xa as persoas afectadas polas sancións derivadas da non declaración de pensións no estranxeiro, o que está a provocar diversas mobilizacións dun colectivo especialmente afectado tamén na estafa das preferentes.  Coa aplicación de sancións polo incumprimento do modelo 720, o Estado baterá de novo na economía do colectivo de emigrantes retornados que, como os da Mariña, se están a organizar para defender os seus dereitos e protestar contra un novo ataque fiscal. 

“Non é tolerábel na nosa nosa opinión e é unha autentica inxustiza que o mesmo Estado que nos obrigou a emigrar, o mesmo Estado que nos botou polo mundo adiante e se aproveitou das divisas do noso traballo nos multe agora impedindo resolver un erro provocado por eles, mentres promove amnistías fiscais para os ricos e os millonarios, entre eles algúns banqueiros que xa nos roubaron nas preferentes. Non temos a máis mínima dúbida de que estamos diante dunha estafa das dimensións da das preferentes onde mesmo se ten pretendido cobrar a persoas que morreron en 2009 ou 2010”, sinalan os afectados da Mariña que convocan para esta cuarta feira unha reunión informativa en Ribadeo e puxeron operativo un punto de información virtual coa conta de correo [email protected].

O colectivo de persoas afectadas da Mariña denuncia, desta maneira, que ademais das sancións que se xa se lle están a impor se abra esta nova vía de recadación que pode afectar a unha parte importante do colectivo e no precisamente a de maiores recursos.  

Comentarios