Feixoo elude responsabilidades da Xunta sobre as residencias privadas

O presidente galego eludiu responsabilidades sobre a situación dos centros de maiores privados afectados por coronavirus e asegurou que a Xunta "actuou" pese a que “non tiña competencias na maioría de residencias porque eran de empresas”. O mandatario galego tamén sinalou que dos 14 millóns anunciados por Sánchez ás Comunidades Autónomas, unha gran parte non deixa de ser un adianto dos cartos que o Estado debe a Galiza e avanzou que a Xunta recomendará o uso masivo de máscaras. 
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: David Cabezón / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: David Cabezón / Xunta)

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, participou na mañá deste domingo 19 de abril na reunión telemática que o presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, mantivo coas e cos mandatarios das Comunidades Autónomas.

Na rolda de prensa que Feixoo ofreceu ao rematar a reunión, Nós Diario preguntou sobre a denuncia presentada onte pola federación REDE de familiares e usuarias de residencias de maiores ante a Fiscalía Superior da Galiza contra o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta e outros cargos da Consellaría de Política Social, acusándoos de distintos delitos de denegación de auxilio, abandono, omisión de socorro con resultados de mortes e lesións, e prevaricación na súas actuacións antes e durante a pandemia.

Núñez Feixoo evitou entrar a valorar a denuncia, asegurando que non coñece o seu contido, e limitouse a sinalar que o empeño da Xunta pasa por realizar tests masivos a persoas maiores e “seguir medicalizando residencias”.

Previamente á quenda de preguntas, Feixoo dixo que a Xunta actuou fronte ao coronavirus nas residencias de maiores onde se descontrolou o contaxio "a pesar de que non tiña competencias na maioría delas por seren de empresas privadas". Mais o certo é que, tal e como publicou Nós Diario onte, a Xunta pagou 65,7 millóns de euros en 2019 por concertos e concesións a empresas privadas e financia 4.873 prazas en centros de maiores que son de titularidade privada, polo que se debera presupor algunha responsabilidade e ou competencia, alén de unicamente pagar por prazas a empresas privadas.

"Galiza foi unha das primeiras comunidades en crear residencias integradas" e a primeira en "adoptar medidas" nestes centros, dixo Feixoo, e chegou a admitir que "ao principio da pandemia" a Xunta "tivo ineficiencias" para precisar a situación destes centros. Feixoo zanxou a pregunta de Nós Diario sinalando que varias persoas maiores que resultaran contaxiadas en residencias xa comezaron a curarse, producíndose onte oito altas entre este colectivo. 

Sánchez anuncia 14 millóns extras ás Comunidades, mais unha parte non é "extra"

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou este domingo ás Presidencias autonómicas que o Executivo estatal fará un ingreso extra de 14.000 millóns de euros ás Comunidades Autónomas para facer fronte á crise causada polo coronavirus.

Con todo, perto dunha terceira parte desta cantidade vén do adianto da liquidación do ano 2018, segundo denunciaron algunhas Comunidades, polo que, cando menos, esa parte, non podería ser considerada como un ingreso novo. Así o dixo Núñez Feixoo en rolda de prensa.

A Xunta recomendará uso masivo de máscaras

O presidente galego demandou na reunión deste domingo a Pedro Sánchez que facilite un calendario "orientativo" de desescalada do confinamento e avanzou que na Galiza se recomendará o uso xeneralizado de máscaras na poboación.

Ademais, Feixoo volveu criticar que "non haxa unha regra" común para todo o Estado respecto do uso masivo de máscaras na cidadanía. Por iso, adiantou que a postura da Xunta será a de recomendalas.

O presidente galego expuxo tamén ao mandatario español que o desconfinamento se debe formular "con tempo e con claridade", tratando de "transmitir á cidadanía” como se vai realizar.

Respecto da recuperación de toda a actividade económica, avogou por deseñar "sistemas de apertura e feche" que sexan "flexíbeis e dinámicos", xa que "probabelmente" se poderán “producir rebrotes da enfermidade”.

Comentarios