Feixoo descarta ter as súas aspiracións políticas no liderado estatal do PP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nega que o liderado de Pablo Casado estea en dúbida, polo menos no que el coñece. Ademais, di que non preguntou por Bárcenas e o seu suposto vínculo con Mariano Rajoy.
Feixoo nunha rolda de prensa. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
photo_camera Feixoo nunha rolda de prensa. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

O seu pensamento non está en marchar a Madrid. Iso é, polo menos, o que asegura o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, sobre o seu futuro político. Malia as teorías que apuntan ao seu recambio para Pablo Casado, non é rotundo mais di que tampouco ten as aspiracións postas en dirixir o Partido Popular a nivel estatal.

Ante as preguntas dos medios esta quinta feira, Feixoo afirmou que “non” aspira a substituír a Casado e que a pregunta “é un clásico” ao igual que a súa resposta. O seu nome volveu a entrar con forza nas apostas polos malos resultados dos populares nas eleccións á Generalitat.

A pesar disto, incidiu en que non lle costa que exista “ningunha discusión” sobre o liderado do partido por parte deste último.

Na súa opinión é a Casado a quen lle “corresponde liderar o partido que preside” até que sexa preciso.

“Non hai ningunha discusión ao respecto, polo menos que eu coñeza. Non hai ningunha novidade. O presidente do partido é o presidente do partido”, remarcou.

Respecto de que Pablo Casado amosou interese por saber os vínculos dos ex presidentes Mariano Rajoy e José María Aznar co ex tesoreiro Luís Bárcenas, máis ante as últimas acusacións ao primeiro, Feixoo dixo que non lle “consta para nada”. “A min non me fixo preguntas e non creo que teña dúbidas ao respecto”, finalizou, fechando o tema.

Aliás, sobre as súas posíbeis diferenzas coa presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, lembrou que ela aclarou que unhas manifestacións feitas non estaban vinculadas a Feixoo.

Comentarios