Opinión

Os ollos de Feixoo, en Madrid

Alberto Núñez Feixoo foi o eterno herdeiro de Mariano Raxoi, aquel que perdeu a batalla de sucesión por falta de apoios internos no Partido Popular e por temor a que aboiase un pasado que o ligaba a algúns dos nomes máis coñecidos do narcotráfico na Galiza. Renunciou a competir pola presidencia do Partido Popular cando se decatou de que o legado de Raxoi era cuestionado por sectores importantes da formación e de que non conseguiría sumar para imporse fronte a outros candidatos.

O PP prepárase na Galiza para unha etapa sen Feixoo, que alberga a esperanza de dar o salto á política española

Feixoo ten decido pór fin á súa etapa á fronte da Xunta unha vez que conclúa esta lexislatura. Isto non implica que vaia acabar a súa carreira política. Así o evidencian os cambios na conformación do actual Executivo galego, a saída do equipo do presidente de varios dos seus colaboradores máis próximos, o seu afán por exercer como xefe da oposición ao Goberno de Pedro Sánchez e os movementos dos aspirantes a sucedelo.O PP prepárase na Galiza para unha etapa sen Feixoo, que alberga a esperanza de dar o salto á política española para liderar os populares e para se postular como próximo candidato á presidencia do Executivo estatal.

Feixoo considera que a súa fortaleza está na debilidade de Pablo Casado. O seu círculo alimenta a idea de que este é un dirixente feble, con apoios moi limitados dentro do partido, enfrontado ao groso dos dirixentes territoriais con poder institucional e sen capacidade para sumar apoios alén da dereita máis extrema nin de trasladar confianza ao poder económico, que xa busca una alternativa para substituílo.

Feixoo nunca deixou de actuar como un político madrileño na Galiza. De feito, entende a presidencia da Xunta como un trampolín que o impulse á política española. Agora aspira a que a crise provocada pola pandemia e a debilidade de Casado lle facilite o camiño de volta. Nesa dirección traballan tanto el como o seu círculo más próximo

Comentarios