Libre mobilidade por toda Galiza coa Fase 3

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, saudou este domingo a publicación do BOE pola que, coa entrada na fase 3 do desconfinamento, as galegas e galegos poderán moverse libremente por todo o territorio nacional, sen restricións provinciais.
Pontevedra paseo ponte (Xaquín Soliño)

"Por fin podemos anunciar que, desde esta noite ás 00.00 horas, os galegos e as galegas recuperaremos a liberdade de mobilidade entre os 313 municipios, entre as 7 grandes cidades e entre todas as provincias", sinalou Feixoo durante a comparecencia posterior á conferencia de presidentes, a décimo terceira que mantén Pedro Sánchez con dirixentes territoriais desde o inicio do estado de alarma. 

Ademais, o presidente da Xunta avanzou que ao longo da xornada espera manter unha conversa co seu homólogo asturiano, Adrián Barbón, para "avaliar" as posibilidades de circulación, debido a que ambas comunidades pasan á fase 3 esta segunda feira.

Nesa liña, demandou a Sánchez "aclaracións" sobre as competencias que se delegan nos Gobernos territoriais á hora de poder limitar a mobilidade, no caso de que se produza un rebrote da COVID-19 e de decidir se Galiza pasa de forma anticipada ou non á chamada 'nova normalidade'.

Na conferencia, Feixoo solicitou tamén ao Goberno central que cando menos un aeroporto galego figure entre aqueles que poden recibir voos internacionais e reclamou a reapertura doutros catro pasos fronteirizos entre Galiza e o norte de Portugal, "polo menos para mercadorías e traballadores".

Nas peticións do Goberno da Xunta a Pedro Sánchez está tamén a baixada do IVE do turismo e a eliminación da taxa de reposición nas ofertas públicas de emprego (OPE) deste 2020 para as oposicións de sanidade e de servizos sociais, medida que reivindicou como "como unha forma de "facer xustiza cos colectivos que máis traballaron durante a pandemia".

Reparto de fondos

Na sesión deste domingo, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, informou dos cambios nos criterios para a repartición do fondo de 16.000 millóns non reembolsábeis que se aprobarán para os territorios, incluíndo un fondo para educación e outro para mobilidade, que se dirixen a compensar unha parte dos gastos que xerou a crise do coronavirus durante estes meses, e que pasan a primar a poboación.

O aumento do peso poboacional era unha reivindicación dalguns Gobernos, xa que inicialmente se prevíae que un dos criterios de maior peso no reparto fosen os gastos nos que se incorreu para atender as necesidades sanitarias da pandemia.

Así, segundo fontes do Goberno galego, o presidente comunicou que 9.000 millóns destinaranse a gastos sanitarios; 2.000 millóns para un fondo de educación e outros 5.000 millóns serían para compensar a caída de ingresos derivada do parón económico. Destes últimos, 800 millóns irán compensar a diminución da facturación dos servizos de transporte, como metro, proximidades ou autobuses interurbanos.

En canto a axuda para a sanidade, márcase un primeiro tramo de 6.000 millóns de tal forma que a poboación protexida equivalente pasa de pesar 20% a 35%, e no segundo de 3.000 millóns, o peso poboacional pasaría de 40% a 45%.

O fondo sanitario será de 2.000 millóns e xorden dunha reorganización da proposta inicial de repartición do fondo non reembolsábel. A repartición deste novo fondo para educación vincularase en 80% á poboación de 0-16 anos e 20%, á de 16 a 24 anos.  

Comentarios