Galiza recuperará desde o día 8 a mobilidade en todo o seu territorio

A liberdade de movemento esténdese a toda Galiza na fase 3 do desconfinamento, que estará activa desde o vindeiro día 8, e na que a Xunta asumirá a xestión.
2020010820465150088
photo_camera Coa entrada na fase 3, o día 8, a mobilidade será libre por toda Galiza.

Desde a vindeira segunda feira, Galiza pasa a ser considerada unha unidade territorial única, o que implica a liberdade de movemento por todo o seu territorio. Até a fase 2, a circulación estaba limitada por provincias.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) deste sábado recolle a orde do Ministerio de Sanidade que estabelece a flexibilización de medidas naqueles territorios do Estado que avanzan á fase 2 e á fase 3 do plan de transición cara á nova normalidade. Entre as unidades territoriais que pasan á última etapa atópase Galiza na súa totalidade e non as catro provincias, como foi habitual ao longo do proceso de flexibilización das restricións sociais e de mobilidade.

Segundo esta orde, a liberdade para o tránsito interprovincial será efectivo en todos os territorios que pasen á fase 3 agás en Estremadura, que non o solicitou.

A plena mobilidade dentro da Galiza foi unha petición recorrente do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que vinculou o seu voto nas sucesivas prórrogas ao estado de alarma decretada polo Goberno central á adopción desta medida, postergata até a data. 

A mobilidade interprovincial foi tamén unha das demandas da Xunta no proceso de desconfinamento. Esta sexta feira, o Goberno galego solicitou formalmente ao Ministerio de Sanidade que o incluíse expresamente na orde ministerial publicada hoxe.

O BOE recolle ademais a última prórroga do estado de alarma, que sinala que a autoridade competente delegada para a "adopción, supresión, modulación e execución" de medidas correspondentes á fase 3 será, en exercicio das súas competencias, "exclusivamente" quen ostente a presidencia dos Gobernos territoriais.

Comentarios