Feixoo comparecerá dúas veces ao mes no Parlamento após un acordo de todos os grupos
Todos os grupos con representación no Parlamento galego presentaron esta segunda feira unha proposta conxunta para o funcionamento da Deputación Permanente, "con carácter excepcional", mentres permanezan as situacións de estado de alarma no Estado español e de emerxencia sanitaria na Galiza.
Os grupos da oposición PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e Mixto (no que están as deputadas de En Marea) e mais o grupo do Partido Popular chegaron a un acordo para que a Cámara galega recupere parte da normalidade a pesar de terse disolto pola convocatoria das eleccións do 5 de abril, que ficaron canceladas polo coronavirus.
Así, durante a vixencia da Deputación Permanente, o máximo órgano parlamentar entre lexislaturas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, comparecerá "dúas veces ao mes, en semanas alternas, para informar sobre a situación derivada da pandemia da COVID-19 e as medidas e previsións" do Goberno galego ao respecto.
Esta foi unha demanda da oposición desde o inicio da crise, pois Feixoo só asistiu á Cámara galega nunha ocasión nestes case dous meses de estado de alarma. Segundo fontes consultadas por Nós Diario, a primeira comparecencia do presidente galego após este acordo podería ser esta mesma semana.
O acordo tamén contempla que haberá "unha reunión semanal" durante o tempo previsto para o período de sesións ordinario do Parlamento e que, nas semanas alternas ás da comparecencia de Feixoo, haberá "mínimo" unha comparecencia dun conselleiro ou conselleira e "até nove preguntas orais dos grupos parlamentares".