Feixoo cambia a praza de Colón polo Vaticano

Ficou desvelado o motivo polo Feixoo anunciara que non podería asistir a manifestación convocada en Madrid contra os indultos ás presas e presos políticos cataláns, o 14 de xuño ten xuntanza co Papa.
Feixoo esta semana nun foro de turismo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera Feixoo esta semana nun foro de turismo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, cambiará a manifestación na madrileña praza de Colón o vindeiro 13 de xuño contra os indultos ás presas e presos políticos cataláns por unha xuntanza co Papa Francisco o día seguinte no Vaticano.

Ben que xa confirmara no pasado Consello da Xunta que o 13 estaría de viaxe e non podería asistir á manifestación convocada pola plataforma Unión 78 na que si estará a dirección  de PP, Vox e Ciudadanos, até hoxe non se fixo público que o motivo era unha reunión co máximo dirixente da Igrexa católica acompañado da curia galega.

O motivo é “a importancia” do Xacobeo 2021 para Galiza, que o Vaticano decidiu estender a 2022.

De feito, Feixoo trasladaralle “o seu agradecemento e o de todos os galegos” por esta ampliación.

Este ano extra ofrece “moitas máis oportunidades a Galiza e aos visitantes que se queiran achegar”, salienta o Executivo, valorando as limitacións a mobilidade que aínda se manteñen pola pandemia de Covid-19.

Feixoo ten intención de expor ao Papa “os esforzos” galegos para “garantir un desenvolvemento seguro” da celebración relixiosa.

Asemade, asegura que o Xacobeo é “como unha porta aberta á espiritualidade e calma en tempos tan complexos”, sinala.

Comentarios