Eleccións xerais

Feijóo: "Madrid non pasa pola miña cabeza"

Rajoy e Feijóo en Madrid

O presidente da Xunta elude revelar se repetirá como candidato do PP nas eleccións galegas, mais advirte de que non irá en ningunha lista nas vindeiras eleccións xerais.

“Non vou ir en ningunha lista ao Congreso nin ao Senado”, anuncia Alberto Núñez Feijóo a través dunha entrevista publicada por Faro de Vigo na que elude revelar se repetirá como candidato á Presidencia da Xunta de Galiza nas eleccións de 2016.

Feijóo, que afirma que esgotará a lexislatura, salienta que “Madrid non pasa pola miña cabeza, non está na miña cabeza e o meu corazón e o meu compromiso están en Galiza e intento demostralo todos os días”. “Cando teña que tomar a decisión de presentarme ás eleccións autonómicas tomarase e anunciarase”, resolve en español, como no resto da conversa, tratando de zafarse das preguntas da xornalista.

Precisamente, o pasado domingo, Feijóo anunciaba unha remodelación do seu Goberno, facendo ver que prima o peso dos servizos sociais e que deixa atrás a austeridade. Con estes cambios, entre os que destacou a destitución da ex concelleira de Sanidade, Rocío Mosquera e o relevo de Rosa Quintana á fronte de Medio Rural, Feijóo tenta darlle un pulo á súa acción de goberno de cara as próximas eleccións galegas, que serán, previsibelmente, no outono.