A fame causada polo bloqueo de Israel mata outras dez persoas en Gaza en 24 horas
O control israelí sobre o acceso de axuda humanitaria provocou xa 111 mortes por inanición.
Israel segue a matar de fame os palestinos e palestinas. Nas últimas 24 horas, 10 persoas morreron por desnutrición, segundo datos do Ministerio de Sanidade gazatí. Súmanse ás 15 mortes por fame e desnutrición que se produciron na terza feira, entre as que figuran un bebé de seis meses e tres nenos. En total, desde o inicio da ofensiva israelí contra Gaza, 111 palestinos morreron de fame, a maioría nenos.
Os alimentos na Faixa son case inexistentes e as autoridades israelís apenas permiten a entrada de camións. Ademais, a insuficiente axuda que entra no enclave repártese unicamente nos puntos de distribución controlados pola polémica Fundación Humanitaria para Gaza (GHF, polas súas siglas en inglés), avalada por Estados Unidos e Israel, e cualificados polas ONG como "trampas mortais".
Segundo datos da ONU, desde o 27 de maio, día que a GHF abriu o seu primeiro centro de repartición, máis de mil palestinos foron asasinados polo Exército de Israel mentres tentaban conseguir comida. Os asasinatos tamén se produciron ao redor dos convois humanitarios da ONU.
Más de 100 organizacións deron a voz de alarma e instando os gobernos do mundo a actuaa ante esta situación. Segundo recolle un comunicado difundido por Oxfam Intermon, as ONG piden que se abran todos os pasos fronteirizos terrestres; que se restableza o fluxo completo de alimentos, auga potábel, subministracións médicas, artigos de refuxio e combustíbel a través dun mecanismo baseado en principios e dirixido pola ONU; pór fin ao asedio e acordar un cesamento do fogo xa.
Na nota, organizacións como Amnistía Internacional, Oxfam, Médicos sen Fronteiras ou Cáritas, instan á comunidade internacional a "tomar medidas decisivas", entre elas "esixir un cesamento do fogo inmediato e permanente", sobre a situación no enclave palestino.
Denuncian que "os masacres nos puntos de distribución de alimentos en Gaza prodúcense case a diario".

