A exclusión do único diario en galego nos convenios para o fomento da prensa escrita na escola chega ao Parlamento galego
Tal e como informou Nós Diario no día da súa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG), a Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional informou dunha serie convenios de colaboración por un valor de 297.000 euros, asinados en xaneiro, que subscribiu para o primeiro cuadrimestre de 2025 co fin de adquirir xornais destinados aos centros de ensino, dentro do programa de fomento de lectura da prensa escrita.
Uns convenios para o fomento dos xornalismo impreso no eido educativo dos que ficou excluído Nós Diario, o único diario en papel que se publica integramente en galego. Agora, esta situación chegou ao Parlamento galego a través dunha proposición non de lei (PNL) rexistrada pola deputada do BNG Iria Taibo.
A representante nacionalista lembra na PNL que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega estabelece entre as medidas no eido da prensa a de 'iniciar un proceso de incremento anual e constante do uso do galego nos medios de comunicación públicos e privados que supere a actual situación de marxinación e de confinamento no eido cultural'. Así mesmo, destaca Taibo, o mesmo plan xeral estabelece a necesidade de 'promover plans de lectura mediante técnicas de animación nas bibliotecas do centro e das aulas, aproveitando o protagonismo social que obtivo nas últimas décadas a literatura infantil e xuvenil en lingua galega' entre as medidas para a área de ensino, "o que entra en contradición co feito de excluír o único xornal que se edita integramente en galego dos convenios de fomento de lectura de prensa escrita", argumenta.
Alén diso, lembra, a Lei de Normalización Lingüística dispón que 'as autoridades educativas da comunidade autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino'. Porén, denuncia sobre os convenios, "na práctica, o galego fica excluído da promoción da lectura de prensa escrita nos centros de ensino".
Por estes motivos, o BNG elevará ao pleno da Cámara unha PNL para que o Parlamento galego inste a Xunta da Galiza "a incluír o xornal Nós Diario, publicado integramente en galego, no programa de fomento de lectura de prensa escrita nos centros escolares, en cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e da Lei de Normalización Lingüística".
"Consideramos que é un escándalo que se exclúa, non só un medio como Nós Diario, senón que se exclúa na práctica e totalmente a lingua galega", sinala Taibo en declaracións a este xornal. "Se vemos a totalidade dos convenios, non hai ningún medio de comunicación en galego, polo menos nesta partida", di.
"Non sabemos se haberá outros convenios e por iso estamos preguntando, mais polo momento non se inclúe ningún medio escrito en galego. Entón, entendemos que se están a incumprir os obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e da propia Lei de Normalización, porque non se está a promover a presenza da lingua galega nesta actividade dos centros de ensino", engade. "Estase excluíndo directamente o galego", afirma.
"Alén dos datos de IGE [Instituto Galego de Estatística] dos que levamos meses a falar [un estudo que relata a caída de falantes de galego, en especial entre a poboación moza], estamos a falar de que é unha actividade que se fai nos centros de ensino, polo tanto, considérase que ten un obxectivo didáctico, e non pode ser que a lingua galega estea excluída deses obxectivos", sinala Taibo.
"Queremos que se nos explique cal é o motivo polo que unha administración pública que debería ser obxectiva e contar con todos os diferentes puntos de vista exclúe un medio de comunicación concreto", acrecenta.
Os convenios
Entre as compañías beneficiarias dos convenios coa Consellaría de Educación atópanse EPI Prensa S.L., vencellada a Prensa Ibérica, a editora de xornais como Faro de Vigo ou El Correo Gallego, que recibe máis de 14.100 euros. Ademais, Faro de Vigo recibe de forma directa outros 56.889 euros. A achega para La Opinión A Coruña é de 5.100 euros, mentres que a de El Progreso de Lugo supera os 27.000 euros. Pola súa parte, Lérez Ediciones S.L., editora de El Diario de Pontevedra, recibe case 11.400 euros. O convenio con Diario de Arousa é de case 1.570 euros, o do Diario de Ferrol de case 2.750 euros, ambos editados por La Capital, ao igual que El Ideal Gallego, que recibe máis de 3.130 euros. O convenio con La Región é de case 21.600 euros, mentres que Rías Baixas Comunicación, tamén do Grupo La Región e a editora de Atlántico, ten unha achega de 3.531 euros. O convenio co montante máis alto é o asinado con La Voz de Galicia, de 150.000 euros.

