A Fiscalía pide sete anos de cadea para o ex alcalde de Ourense Manuel Cabezas

O ministerio fiscal acusa ao ex rexedor, e tamén ao que fora concelleiro de Urbanismo, dun delito contra as arcas públicas do Consistorio por non cobrar un imposto municipal a 15 proxectos de aproveitamento urbanístico.
Imaxe de arquivo da fachada do Concello de Ourense. Europa Press
photo_camera Imaxe de arquivo da fachada do Concello de Ourense. (Foto: Europa Press)

Manuel Cabezas, o que fora alcalde de Ourense polo PPdeG entre 1995 e 2007 podería ir a prisión por un presunto delito contra as arcas públicas do Concello. Cando menos é a pena que está a pedir para o ex político a Fiscalía.

En concreto, demándase que cumpra unha pena de sete anos no cárcere e abone unha multa de 1,5 millóns de euros para compensar “un prexuízo ás arcas públicas municipais de 1,65 millóns de euros”.

Segundo o ministerio fiscal, ese posíbel delito viría dado porque Cabezas non exixiu o 10% do aproveitamento urbanístico a 15 proxectos da súa etapa como rexedor.

A acusación lembra que cobrar esa porcentaxe é obrigatorio por lei.

No mesmo caso xudicial reclámanse outros sete anos na cadea para o que ocupaba a concellaría de Urbanismo de 1999 até 2004, Ricardo Campo Labrados. Neste caso a sanción debería ser de 1,2 millóns de euros.

O escrito da Fiscalía ao que tivo acceso Europa Press explica que en decembro de 1994, o pleno municipal da cidade deu o visto e prace a unha proposta que implicaba “a non esixencia do 10 por cento do aproveitamento urbanístico municipal nos polígonos de chan urbano non consolidado".

Tanto respecto ao ex alcalde como ao ex edil, dise que "aproveitaron os cargos públicos que ostentaban, guiados, ambos os acusados, por un ánimo de enriquecemento inxusto, co fin de converter o patrimonio municipal en beneficios privados".

Malia que xa se solicitou a apertura dun xuízo oral, este trámite podería adiarse polo menos até mediados de 2021.

Comentarios