O Estado quere un certificado que rexistre a vacinación pero non o da Xunta, molesta coa decisión

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, sinalou que é preciso contar cun informe persoal do tratamento contra a Covid-19, mais considera que debe ser unificado e non dar pé a “un cúmulo de certificados autonómicos”. Ante esta afirmación, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, reprochou ao Estado español que “se opoña” á súa idea “sen ningunha proposta”.

Recepción do cargamento con parte das vacinas. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)
photo_camera Recepción do cargamento con parte das vacinas. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)

Novo choque de posturas entre a Xunta e o Goberno do Estado español pola diferencia de pareceres sobre o sistema que debe empregarse para que as e os cidadáns certifiquen a vacinación contra a Covid-19 e poidan gañar mobilidade. A ministra de Sanidade, Carolina Darias, rexeitou dunha forma indirecta o certificado que propuña a equipa de Alberto Núñez Feixoo, ao que este respondeu reprochando que “se opoña” á medida “sen ningunha proposta alternativa”.

A responsábel da carteira sanitaria no Executivo estatal de Pedro Sánchez, Carolina Darias, avisouno. O Estado español quere unha sorte de pasaporte Covid pero unificado e a Xunta xa fixera a proposta de crear o seu propio documento que certificase a inoculación dalgún dos fármacos en cada persoa.

Darias sostén que non pode haber “un cúmulo de certificados autonómicos” por cuestións prácticas, pero Feixoo reprochoulle esta mesma xornada que “se opoña” sen concretar máis a súa proposta ou como se artellaría a ferramenta de control.

O representante do Goberno galego dixo estar sorprendido pola decisión ministerial porque non só a Xunta, senón outras zonas xa traballaban na mesma liña cando chega a nova.

“É curioso que, cando as comunidades autónomas imos avanzando e propoñemos avances que garanten a seguridade durante a pandemia, se opoñan sen ningunha proposta alternativa”, incidiu ante as preguntas dos medios de comunicación.

Desde o seu punto de vista, ten sentido que haxa un documento unificado para Europa pero mentres non existe sería positivo emitir o informe territorial. Así, afirmou que polo de agora van seguir expedindo a documentación que demostra que as e os habitantes do país foron vacinados coas dúas doses (ou, no caso de vacinas como a de Janssen, cunha soa inoculación).

Os problemas da lei de saúde

Precisamente nese clima de confrontación co Estado español aberto hai uns días pola decisión do Tribunal Constitucional de paralizar a obrigatoriedade de vacinarse na Galiza que recolle a nova lei de saúde, Feixoo asegurou que se podería “concretar” de forma conxunta ese “parágrafo”.

No entanto, mentres en Madrid se pon en dúbida a súa constitucionalidade, o político galego di estar “tranquilo pola súa legalidade”. “A lei é perfectamente constitucional”, defende.

Comentarios