Mobilidade

O Goberno español non ve problema no atraso da chegada dos trens Avril

O BNG exixe a revisión das "tarifas abusivas" do Alvia.
Pedro Branco e Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pedro Branco e Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, descartou esta segunda feira compensar o país polo atraso na posta en marcha dos trens Avril, como pediu a Xunta da Galiza antonte, alegando que máis alá do "dano moral", non detecta "exactamente  cal é o dano real", apuntando que a reclamación de danos e prexuízos a Talgo faise desde o Executivo español como parte "dun contrato". 

Así o dixo, en resposta a preguntas dos medios, a raíz da carta enviada a pasada segunda feira pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao ministro de Transportes, Óscar Puente, pedíndolle, entre outras cousas, medidas de compensación "por este novo atraso". 

Con todo, Branco recordou que o contrato do Goberno estatal con Talgo estabelece un "procedemento de reclamación de danos e prexuízos", de maneira que, "canto máis se atrasen" na entrega, maior será a contía a percibir. O delegado do Goberno español na Galiza descartou que esta compensación poida dirixirse tamén á Galiza, toda vez que non é parte deste contrato, e que "non existe" un modo de compensación dun "dano xenérico". 

Tarifas "abusivas"

A respecto das liñas ferroviarias galegas, o portavoz do BNG no Congreso español, Néstor Rego, e a senadora da formación nacionalista, Carme da Silva, presentaron cadansúa iniciativa parlamentar para reclamar a Renfe a revisión das "abusivas tarifas" dos trens Alvia á Galiza, uns prezos que experimentaron "uns incrementos desmesurados nos días da Semana Santa e nas fins de semana, sobre todo despois de que non se puxeran en venda os billetes para os trens Avril". 

Para o BNG, Renfe non está a cumprir co principio de informar os usuarios e as usuarias con "suficiente tempo" da programación horaria dos trens, aclarando que aínda non puxo en venda os trens para abril. "Os billetes póñense á venda con moi pouco tempo e son dos máis caros do Estado". 

Comentarios