Un escrito de varios veciños acusa o alcalde do Saviñao de posíbel prevaricación

Varias persoas do municipio solicitan que actúe Anticorrupción e Antifraude por unha mediación relacionada cunha posíbel mediación entre o alcalde do Saviñao, Juan Carlos Armesto (PP), e promotores dos parques eólicos Ferroedo e Neboreiro.
Juan Carlos Armesto, actual alcalde do Saviñao. (Foto: Concello do Saviñao)
Juan Carlos Armesto, actual alcalde do Saviñao. (Foto: Concello do Saviñao)

A Fiscalía Provincial de Lugo recibiu un escrito presentado por varias persoas do municipio para que investiguen ao alcalde da localidade. En concreto solicitan que actúe Anticorrupción e Antifraude por unha mediación relacionada cunha posíbel mediación entre o alcalde do Saviñao, Juan Carlos Armesto (PP), e promotores dos parques eólicos Ferroedo e Neboreiro.

Segundo a documentación remitida, parte desa mediación desenvolveuse no despacho do propio alcalde, algo que podería constituír os delitos de suborno, prevaricación, tráfico de influencias e negociacións prohibidas.   

En concreto, unha familia afectada por estar a súa vivenda perto do proxecto de parque eólico, podería ter sido obxecto de presión institucional para que asinara coas condicións que lle dicían desde a empresa promotora.

O escrito tamén sinala a participación doutros cargos públicos do PP, como os concelleiro e ex alcalde, Joaquín González, e a segunda tenente de alcalde de Bóveda, Cristina Juiz. No documento sinálase que mesmo podería haber un interese económico, neste caso, se os parques eólicos entraran en funcionamento.   

Alegacións de Adega

Adega-Lugo presentou o psadao 5 de marzo alegacións ao proxecto do parque eólico Ferroedo, un proxecto que abranguerá varias parroquias dos concellos de Bóveda, O Saviñao, Monforte e Pantón, e que segundo a asociación “supón unha grave ameaza ambiental, patrimonial e social” para esta extensa área xeográfica en plena Ribeira Sacra.

Desde Adega explican que o parque propiamente dito, aeroxeradores e subestación, estará situado en varias zonas, mentres o resto da contorna estará afectada por unha nova liña eléctrica de alta tensión de case 30 quilómetros de lonxitude para conducir a enerxía xerada no parque ata o punto de conexión coa rede xeral, prevista no concello ourensán de Nogueira de Ramuín.

A organización ecoloxista alerta de que o proxecto se suma á forte concentración de parques eólicos xa existentes ou en tramitación na zona, o que advirten, xera un impacto acumulativo moi elevado sobre o territorio. Esta saturación afecta especialmente a espazos de alto valor ambiental, situados na contorna da Rede Natura 2000 e da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.

Comentarios