A enquisa do CIS outorga un escano á coligación do BNG para as Europeas

'Os povos deciden' tería o 2,1 % dos votos. O barómetro preelectoral sinala que o PP acadaría entre 20-21 deputad@s, o PSOE entre 18 e 19 e Izquierda Unida-Anova, 5. ERC tería 2 representantes e 'Podemos' atinxiría un escano. A coligación de PNV, CIU e CxG obtería 3.

Cámara do Parlamento Europeo (Foto: Nós Diario).
photo_camera parlamento europeo

A coligación para as eleccións do 25 de maio formada polo BNG e EH Bildu xunto con outras formacións ('Os povos deciden') atinxiría un escano na Eurocámara e obtería o 2,1 por cento dos votos, segundo unha enquisa do Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) que se fixo pública esta quinta feira feira. O PP gañaría os comicios cun apoio do 33,7% dos sufraxios (20-21 escanos), mentres o PSOE conseguiría 18-19 deputados, cun 31% dos votos. Ambas as dúas formacións baixan sensíbelmente a respeito dos resultados obtidos hai cinco anos.

Izquierda Unida (9,3 %) sería terceira forza nestas eleccións europeas, segundo os dados do CIS, e tería cinco representantes. Precisamente o quinto posto é o que ocupa nesa listaxe a representante de AGE, Lidia Senra. UpyD obtería 3 postos no Europarlamento.

A coligación da que forma parte Compromiso por Galicia (con PNV e CiU) acadaría nas eleccións do 25 de maio 3 eurodeputados (5,5% dos votos) e a candidatura de ERC lograría 2 deputad@s (3,7 %). De feito, o candidato de Esquerra, Josep María Terricabras é o mellor valorado, cun 4,46.

Podemos, a formación representada por Pablo Iglesias, tamén entraría na Eurocámara, cun escano e o 1,8% dos votos. Ficarían sen representación Ciudadanos, Vox ou Primaerva Europea (Compromís e Equo).

A abstención sitúase nesta sondaxe no 23,8%.Porén, esta porcentaxe só atinxe as respuestas directas das persoas enquisadas. Nos comicios de 2009 a abstención fora do 55%.

A enquisa fíxose entre o 7 e o 26 de abril e ten unha marxe de erro do 1,5%. O tamaño da mostra é de 4.737 entrevistasfeitas en 398 concellos de 49 provincias.

Comentarios