As eleccións de Castela e León consolidan o PP e deixan o goberno pendente de Vox
O Partido Popular gañou as eleccións autonómicas celebradas este domingo en Castela e León con 33 escanos, dous máis que en 2022, mais sen alcanzar a maioría absoluta necesaria para gobernar en solitario. Vox, que suma un escano e alcanza os 14, mantense como forza chave para a investidura de Alfonso Fernández Mañueco, mentres o PSOE recorta distancias e queda a só tres escanos do PP.
O Partido Popular volveu ser a forza máis votada nas eleccións autonómicas de Castela e León, celebradas este domingo, acadando 35,47 % dos votos e 33 escanos, dous máis que na anterior convocatoria electoral de 2022. Porén, o resultado deixa novamente ao presidente en funcións, Alfonso Fernández Mañueco, lonxe da maioría absoluta situada nos 42 escanos, polo que dependerá outra vez do apoio de Vox para continuar á fronte do goberno.
Pola súa parte, a formación de extrema dereita obtivo 233.486 votos (18,92 %) e 14 escanos, un máis que na lexislatura anterior. Así, e malia aumentar a súa representación, o crecemento foi máis moderado que noutros territorios do Estado. Coa suma de PP e Vox, ambas forzas alcanzarían 47 escanos, unha maioría suficiente para formar goberno se ambas organizacións chegan a acordo.
O PSOE frea a caída e recorta distancias
O PSOE situouse como segunda forza con 30 escanos, dous máis que nas eleccións anteriores, e o 30,77 % dos votos. O resultado permite aos socialistas reverter a tendencia á baixa que viñan sufrindo noutros procesos electorais recentes.
O seu candidato, Carlos Martínez, recoñeceu que o resultado non cumpre as expectativas de vencer pero destacou que o partido foi dado por amortizado nas enquisas. Advertindo tamén da posibilidade dunha nova convocatoria electoral se non se alcanza un acordo de gobernabilidade.
Así, as novas Cortes de Castela e León estarán formadas por seis forzas políticas, menos que na anterior lexislatura. Desta forma, nin Podemos-Alianza Verde nin a coalición formada por IU, Sumar e Verdes Equo lograron representación. Desaparecendo tamén Ciudadanos do Parlamento autonómico, o último no que a formación mantiña representación institucional.
Pola súa parte, as formacións de ámbito provincial manteñen a súa representación nas Cortes. Unión del Pueblo Leonés (UPL) conserva os seus escanos e mesmo mellora lixeiramente o seu apoio electoral. Por Ávila mantén o seu escano, mentres que Soria ¡Ya! é a forza máis prexudicada neste espazo, perdendo dous representantes e quedando cun único escano.
