Dimite a Executiva Local do PSdeG en Salceda e os dous concelleiros renuncian á acta
Por desavinzas coa agrupación provincial e a forma de exercer oposición ao Goberno local.
Crise no PSdeG de Salceda (comarca de Vigo), terceiro partido do Concello por representación e que gobernou na lexislatura anterior xunto a Movemento Salceda.
Segundo confirmaron diversas fontes citadas pola Cadena SER, os desencontros entre a agrupación local e o partido a nivel provincial eran cada vez maiores e a situación estoupou esta semana coa dimisión en bloque de toda a Executiva local liderada pola ex alcaldesa Verónica Tourón, que seguía exercendo como secretaria xeral a pesar de deixar a súa acta de concelleira hai xusto un ano.
Por se isto non fose pouco, explica a Ser, os dous concelleiros do partido na Corporación municipal, Xurxo Gregorio Vaqueiro e Saúl Olmo, renunciaron á súa acta.
Esta noticia prodúcese pouco tempo despois de que Olmo asumise a Portavocía do partido para liderar a renovación socialista para as eleccións municipais de 2027 tras o golpe sufrido nos anteriores comicios, nos que pasaron de 3 a 2 concelleiros a pesar de ser Tourón a alcaldesa durante dous anos.
Ademais das diferenzas coa dirección provincial, existía división a nivel local sobre a forma de facer oposición, di a Ser. Mentres que Vaqueiro apostaba por unha liña de achegamento ao Goberno local de Movemento Salceda para lograr acordos e políticas de consenso entre as formacións de esquerda, Tourón prefería unha liña de menos concesións á agrupación de electores.
