BNG e PSdeG asinan un pacto en Salceda para apoiar o goberno de Movemento

"Antepomos en todo momento que na xestión municipal deben porse por diante os intereses xerais da veciñanza, para buscar solucións no eido social e realizar un control financeiro dando cumprimento ao plan de axuste actual ao que se acaba de acoller voluntariamente o Concello de Salceda", salientan.
BNG e PSOE acordaron apoiar Movemento Salceda.
photo_camera BNG e PSOE acordaron apoiar Movemento Salceda.

BNG e PSdeG-PSOE de Salceda de Caselas, na comarca de Vigo, fecharon esta quinta feira un acordo conxunto, "atendendo ao resultado electoral do 28 de maio", para garantir unha investidura na Alcaldía "que represente unha maioría social da cidadanía". As urnas deixaron un escenario semellante ao de 2019, co PP como primeira forza con 6 edís, seguido de Movemento Salceda, con catro; PSOE, con dous, e BNG, con un que lles resta aos socialistas.

Así ambas as formacións apoiarán na sesión constitutiva deste sábado a candidata de Movemento Salceda, Loli Castiñeira, "antepondo en todo momento que na xestión municipal deben porse por diante os intereses xerais da veciñanza, para buscar solucións no eido social e realizar un control financeiro dando cumprimento ao plan de axuste actual ao que se acaba de acoller voluntariamente o Concello de Salceda".

O documento asinado por nacionalistas e socialistas recolle unha serie de demandas para "dar resposta ás necesidades básicas" que tanto PSdeG-PSOE como BNG consideran "imprescindíbeis" para a veciñanza de Salceda nos próximos catro anos. Exixen tamén "transparencia" e comisións de seguimento para "poder exercer un control e fiscalización exhaustivos".

En relación co "obxectivo indispensábel" de mellorar a situación económica, exixirán o cumprimento do plan de axuste, "para non reverter" a situación acadada tras a sinatura do mesmo. "Impulsando ademais medidas de boas prácticas para a xestión económica do Concello, como os contratos anuais de servizos e subministracións baixo criterios de sustentabilidade e economía para facer máis eficiente a xestión municipal", engaden.

Resaltan ambas as formacións políticas a "necesidade de impulsar solucións para mellorar a situación da sanidade", con especial fincapé na situación do servizo de Pediatría, así como a "continua mellora dos centros educativos e a execución de saneamento". Todo iso, precisan, "sen esquecer a necesidade de exixir a construción de vivenda protexida nos terreos habilitados para ese fin".

O documento tamén recolle a elaboración do Plan Xeral realizado entre todas as organizacións políticas que forman parte da corporación e contando coa participación veciñal. E para garantir a investidura, aliás, inclúen como requisito a continuación dos procesos de contratación e estabilización de persoal municipal.

Desde a dirección local de PSdeG e BNG consideran que este acordo é "unha mostra da capacidade de diálogo e entendemento das dúas formacións que antepoñen o benestar de veciñanza a calquera outro interese".

Comentarios