A Deputación de Pontevedra aproba a transferencia do Pazo de Lourizán á Xunta

A corporación tamén aprobou o proxecto para a reforma dos edificios históricos do Museo de Pontevedra.
Pazo de Lourizán. (Foto:Turismo da Galiza)
photo_camera Pazo de Lourizán, en Pontevedra. (Foto:Turismo da Galiza)

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou esta sexta feira, por unanimidade, a transferencia da Leira e o Pazo de Lourizán, en mans do ente provincial, á Xunta da Galiza. Esta aprobación definitiva por parte do pleno culmina o proceso iniciado en xullo do pasado 2022 para a cesión á Administración galega da propiedade deste histórico inmóbel adquirido pola Deputación en 1943.

Na súa intervención, o deputado e portavoz do grupo socialista, Carlos López Font, explicou que foi desestimada a alegación presentada pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), que reclamaba que se modificase o convenio asinado coa Xunta para impedir unha posíbel privatización do recinto, se ben o texto, dixo, xa prevé a preservación da utilidade pública dos seus terreos e edificios.

Edificios históricos do Museo

A corporación tamén aprobou o proxecto para a reforma dos edificios históricos do Museo de Pontevedra. Nesta ocasión, o PP votou en contra porque, segundo argumentou a portavoz 'popular', Pepa Pardo, Patrimonio non informou favorabelmente e o Goberno provincial debería esperar á constitución do próximo pleno da Deputación e non aprobalo "a nove días dunhas eleccións".

O vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, César Mosqueira, reprochou que o Partido Popular "vota en contra de Pontevedra" e xustificou a urxencia polos prazos marcados polos tres millóns de euros de axudas europeas concedidas para esta obra, que deberá estar rematada antes do ano 2026.

Tamén corrixiu á portavoz do PP asegurando que o proxecto si conta co visto e prace de Patrimonio. Neste asunto tamén interveu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, para expresar a súa "satisfacción e orgullo pola xestión" realizada no Museo, e lembrou a Pepa Pardo que os alcaldes do seu partido e a Xunta tamén están a aprobar proxectos antes das municipais do 28 de maio.

Campamentos para crianzas de Ucraína

Por último, o pleno autorizou tamén unha modificación de crédito por valor de 90.000 euros para sumarse á iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína, de apoio ás crianzas ucraínas coa posta en marcha de campamentos recreativos de verán.

Para iso, a Deputación de Pontevedra porá a disposición as instalacións do Centro Príncipe Felipe sufragando a estancia dos cativos e dos seus coidadores, incluíndo seguros médicos, tradutores, vestiario e as actividades que se realicen durante o campamento.

Comentarios