Décimo cuarta petición de que o Congreso investigue a fortuna e negocios de Juan Carlos I

Máis unha vez o soberanismo (BNG, EH Bildu, CUP, ERC, Junts, PDeCAt) pide que a Cámara investigue estes feitos. A petición está apoiada tamén por Compromís, Más País e Nueva Canarias.

Xoan Carlos I nunha imaxe de arquivo nunha regata en Sanxenxo (oto: (Lalo L Villar / Europa Press)
photo_camera Juan Carlos I nunha imaxe de arquivo nunha regata en Sanxenxo (oto: (Lalo L Villar / Europa Press)

Unha nova petición, e van 14, para que o Congreso investigue fortuna e negocios do rei emérito español, Juan Carlos I. Rexistouse esta terza feira e desta vez ten como marco a investigación de ‘Público’ na que sinala a venda de armas como un dos negocios que fraguou millóns de euros para o Borbón.

“O BNG rexistrou, xunto con outras forzas soberanistas, unha solicitude de Comisión de Investigación sobre os negocios turbios do Borbón fugado, agora en relación co tráfico de armas con ditaduras ‘amigas’. O mar de lama parece non ter fin!”, escribía nas redes sociais Néstor Rego, deputado do nacionalismo galego no Congreso español.

Juan Carlos I fraguaría a súa fortuna a través do tráfico de armas en países árabes, segundo adiantou este domingo en exclusiva o diario Público nunha información asinada por Carlos Enrique Bayo. A suposta fraude sería realizada canda o que foi o seu administrador privado, Manuel Prado y Colón de Carvajal.

A Mesa do Congreso, cos votos de PSOE, PP e  Vox, veu rexeitando a tramitación de todas as iniciativas destinadas a investigar as actividades do pai de Felipe VI

O medio remóntase ata 1977, cando o rei emérito nomeou o seu amigo Colón de Carvajal senador por designación real, “así como administrador solidario ao 50% –como pantalla da súa propia participación– de todos os seus negocios, empezando polo máis rendíbel que hai: a venda de armas”.

Nese momento, e sempre segundo este medio, nunha visita a Riad –capital e principal centro de negocios de Arabia Saudita–, Juan Carlos I iniciou as negociacións para a fundación da empresa que canalizaría “o comercio entre ambos os dous países”:  Alkantara  Iberian  Exports. O príncipe  Fahd –“naquel momento home forte do réxime do rei Jaled, sucesor de  Faisal”– nomeou delegado saudita da empresa ao traficante de armas Adnan Khashoggi, mentres que Juan Carlos I designou Manuel Prado como presidente da compañía.

A Mesa do Congreso, cos votos de PSOE, PP e  Vox, veu rexeitando a tramitación de todas as iniciativas destinadas a investigar as actividades do pai de Felipe VI, alegando que a Cámara non pode exercer o control sobre o xefe do Estado e que a súa figura é “inviolábel”, segundo a constitución española.

Comentarios