Os criterios de reparto do fondo Covid deixan Galiza en sétimo lugar

Os baremos de reparto non atenden o avellentamento poboacional. (Foto: Arxina)
Galiza recibe 150 millóns no tramo sanitario. Na actualidade política do país tamén houbo leas políticas polo uso do galego no ensino. A Consellaría de Educación desenténdeuse do nivel de uso da lingua propia.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou hoxe ordes do Ministerio de Facenda polas que se estabelece o reparto ás comunidades autónomas dos últimos dous tramos do Fondo Covid estatal para facer fronte aos gastos provocados pola pandemia. Un fondo está dotado de 3.000 millóns de euros e outro de 5.000 millóns, e veñen complementar a primeira entrega de 8.000 millóns que xa se repartiu. En total, son 16.000 millóns.

A contía de 3.000 millóns corresponde ao segundo tramo sanitario e transferirase nos próximos días, mentres que a terceira entrega (a de 5.000 millóns) diríxese a compensar a diminución dos ingresos autonómicos pola menor actividade económica derivada da pandemia, e distribuiranse no mes de decembro.

Como os criterios de reparto dos fondos sanitarios aprobados polo Congreso van en función das cifras de ingresos en unidades UCI, en hospitais e de probas PCR realizadas, máis da metade (8.711 millóns) do total do fondo (16.000 millóns) van para Madrid, Catalunya e Andalucía. 

O BNG xa denunciou que os criterios de reparto obvian a realidade galega, como é o maior custo dos servizos sociais debido á dispersión poboacional ou o envellecemento da mesma. 

Así as cousas, no novo tramo de 3.000 millóns Galiza recibirá 150 millóns, moi por detrás de Madrid (614 millóns de euros), Catalunya (474 millóns) e cinco comunidades máis. No total, dos 16.000 millóns chegarán a Galiza  735 millóns, quedando en sétimo posto por detrás de comunidades como Madrid (3.346 millóns) e Catalunya (3.166 millóns).

Actividade no Parlamento

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asegurou que "está absolutamente garantida" a competencia en galego no ensino. "A responsabilidade da Administración é garantir a competencia", sostivo, argumentando que "outra cousa é o uso" da lingua, o cal vinculou coa "liberdade individual".

Desentendéndose da normalización lingüística, o conselleiro replicou así á petición formulada pola deputada do BNG Mercedes Queixas para que a Xunta apoie o galego como lingua  vehicular na educación, "dando cumprimento aos informes do Consello de Europa que demandan a eliminación das actuais limitacións á docencia en galego".