Os debates electorais serán obrigatorios por lei
Transparencia e pluralismo: novas esixencias para medios públicos e enquisas electorais.
O Consello de Ministros aprobou esta terza feira un anteproxecto de reforma da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Lorex) que estabelece a obrigatoriedade de organizar, polo menos, un debate electoral nos medios de comunicación públicos durante cada campaña. Ademais, as enquisas publicadas deberán incluír os microdatos anonimizados para facilitar a súa verificación e análise por parte da cidadanía.
A reforma, impulsada polo Ministerio do Interior, forma parte do Plan de Acción pola Democracia e responde ás recomendacións da Comisión Europea para fortalecer a transparencia nos sistemas democráticos. Segundo o Executivo español, estas medidas buscan consolidar a fiabilidade do proceso electoral e garantir o pluralismo informativo.
Nos debates obrigatorios deberán participar os candidatos das formacións que obtiveron representación nas anteriores eleccións equivalentes, así como representantes de "grupos políticos significativos", definidos como aqueles que, sen representación previa, alcanzaron polo menos o 5% dos votos válidos emitidos en comicios recentes no ámbito territorial correspondente.
A obrigatoriedade non se estende aos medios privados, pero se deciden organizar debates, deberán respectar os principios de pluralismo político, neutralidade informativa, igualdade e proporcionalidade estabelecidos pola Lorex.
Microdatos anonimizados
En relación ás enquisas, a reforma exixe que se publiquen os microdatos anonimizados, permitindo así que a cidadanía e as entidades interesadas poidan comprobar os resultados dos sondaxes e realizar as súas propias estimacións. Esta medida busca reforzar a transparencia e a confianza nas ferramentas demoscópicas durante os procesos electorais.
O anteproxecto será agora sometido a informes da Oficina de Coordinación e Calidade Normativa e da Xunta Electoral Central antes de ser remitido novamente ao Consello de Ministros para a súa aprobación definitiva como proxecto de lei.

