Crónica desde Barcelona

Comeza unha Conferencia de Presidentes marcada polo financiamento autonómico, a vivenda e a rifa nos primeiros minutos

O encontro decorre no Palau de Pedralbes, en Barcelona.
O president da Generalitat, Salvador Illa, recibe o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
O president da Generalitat, Salvador Illa, recibe o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

A Conferencia de Presidentes, órgano de máximo nivel político de cooperación multilateral entre o Estado e as comunidades e cidades autónomas, reúne esta sexta feira as e os principais representantes institucionais do Estado para reflexionar e dialogar sobre asuntos de especial relevancia para o sistema autonómico como a vivenda, o financiamento autonómico e a sanidade. Desde a súa creación no ano 2004, este foro convocouse en 28 ocasións –22 baixo os gobernos de Pedro Sánchez– sendo Barcelona a sede escollida para esta nova edición.

O encontro decorre no Palau de Pedralbes, até onde se desprazou Nós Diario nun día caloroso pero aínda agradábel nas primeiras horas, con temperaturas de 23 graos ás 10.30 horas da mañá e un ambiente solleiro que acompañou a chegada das delegacións autonómicas. No plano político, para o Goberno galego a xornada viña marcada pola recente dimisión do xa ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, unha renuncia que pairaba sobre a representación da Xuta da Galiza encabezada por Alfonso Rueda.

Un foro para o reencontro institucional

A xornada comezou ás 9 horas coa foto de familia e o saúdo ao rei Felipe VI, quen abandonou o recinto ás 10.07h. Poucos minutos despois, ás 10.10h, tivo lugar a declaración institucional conxunta do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e do president da Generalitat, Salvador Illa. Foi unha posta en escena coidadosamente medida, que buscaba transmitir normalidade institucional e vontade de diálogo, especialmente relevante despois do clima de tensión entre os baróns do Partido Popular e Moncloa. Sánchez e Illa apareceron sorrintes e cómplices, e coincidiron en destacar o papel da Conferencia como espazo útil para o entendemento.

Salvador Illa celebrou na súa declaración institucional que a reunión se desenvolvese en Barcelona, e enxalzou, en catalán, o valor político e cultural das linguas cooficiais: “As linguas son patrimonio de todos. Entender isto é entender España". O president puxo o foco na pluralidade, a prosperidade compartida por todo o Estado e a necesidade de reforzar o papel da Conferencia de Presidentes. Agradeceu tamén ao Goberno estatal a súa proposta para reforzar as políticas de vivenda: “É un paso adiante contar con máis recursos e máis transparencia para garantir o acceso á vivenda".

EuropaPress_6778438_i_d_ministro_politica_territorial_angel_victor_torres_presidente
Ángel Víctor Torres, Salvador Illa, Pedro Rollán, Francina Armengol e Pedro Sánchez. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Pedro Sánchez, pola súa parte, identificou o acceso á vivenda como o principal reto da reunión, que finalmente incluirá outros temas como o financiamento autonómico ante as esixencias do Partido Popular. Sánchez propuxo triplicar os recursos públicos dedicados a vivenda até alcanzar os 7.000 millóns de euros nos próximos cinco anos, cun esquema no que o Goberno español asumiría 60% e as comunidades autónomas o 40% restante: "Queremos ampliar o parque de vivenda pública para os nosos fillos e netos. É unha aposta de país, un esforzo de responsabilidade compartida".

Sánchez agradeceu a acollida institucional en Catalunya e salientou os bo datos económicos e laborais da semana como mostra dun momento optimista: “Roldamos os 22 millóns de afiliacións á Seguridade Social. Hai anos falabamos da barreira dos 20 millóns".

Tamén reivindicou o valor da Conferencia como espazo estábel de diálogo: “Esta é a número 22 das 28 organizadas en democracia que eu mesmo presido. Foi un acelerón trala pandemia, que demostrou a importancia da cooperación nun momento de incerteza histórica".

Bronca no inicio da Conferencia

A reunión, que se desenvolve a porta fechada desde as 10.25 horas, ten enriba da mesa 16 asuntos, entre os que vivenda, financiamento autonómico e sanidade destacan como prioridades transversais para as comunidades.

Pedro Sánchez Preside a Conferencia de Presidentes. (Foto: David Zorrokino / Europa Press)
Pedro Sánchez Preside a Conferencia de Presidentes. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

As comparecencias das e dos presidentes autonómicos e do Goberno estatal están previstas a partir das 17 horas, momento no que se coñecerán as conclusións da xornada e as posicións de cada comunidade en torno ás propostas do Executivo.

Está previsto que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, compareza ante os medios para valorar a postura galega respecto á proposta de vivenda ou ao modelo de financiamento autonómico. Tamén se agarda unha nova intervención de Pedro Sánchez, na que podería debullar máis detalles sobre os acordos, ou a falta deles, logo da celebración da XXVIII Conferencia de Presidentes que trata de recuperar a cooperación entre as diferentes administracións. 

Cando comezou a intervir o lehendakari, Imanol Pradales, en euskera, a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, cumpriu a súa ameaza e abandonou a reunión, á que regresou unha vez retomado o uso da palabra en castelán... precisamente na quenda do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, quen tras unhas breves palabras en galego pasou ao español.

Previamente tivera unha agarrada coa ministra Mónica García: "Vas saudar unha asasina?", espetoulle, ao que titular de Sanidade respondeu con sorpresa: "Perdoa?". Daquela, e sempre segundo o equipo de García, Ayuso dirixiuse "moi nerviosa, inquieta e agresiva" á ministra de Sanidade, reprochándolle que a chamase "asasina" polas mortes nas residencias de maiores durante a pandemia, algo que a ministra negou.

Comentarios