Concentración do poder político e mediático: Oxfam advirte de que os multimillonarios son unha ameaza para a democracia
O aumento da riqueza dos multimillonarios a niveis récord en 2025 podería supor unha ameaza para a democracia, ao concentrar poder político e mediático, segundo un informe de Oxfam, a confederación internacional dedicada a combater a pobreza.
De acordo co informe, publicado esta semana, a concentración da riqueza extrema tradúcese en poder político: os multimillonarios teñen 4.000 veces máis probabilidades de ocupar cargos públicos que o resto da cidadanía, o que, segundo a organización, evidencia unha "perigosa desigualdade política".
O documento explica que a súa fortuna permite non só adquirir bens luxosos, senón tamén influír na axenda pública e nos Gobernos, controlar xornais ou plataformas de redes sociais e mesmo "proscribir a oposición para asegurarse de estar por encima da lei". "Este poder outorga aos multimillonarios o control sobre o noso futuro, socavando a liberdade política e os dereitos do resto", advirte o documento.
Complicidade dos Gobernos
Nese sentido, Oxfam sostén que varios Gobernos están "a optar por defender a riqueza en lugar da liberdade". "Están a optar por permitir que os ricos gobernen, mentres que reprimen a voz, a decisión e o poder das persoas sobre as súas propias vidas", sinala o informe da confederación internacional.
En consecuencia, os multimillonarios posúen agora máis da metade das empresas de medios máis grandes do mundo e as principais plataformas de redes sociais. Entre as adquisicións recentes destacadas inclúense a compra de The Washington Post por parte de Jeff Bezos, a de Twitter (agora X) por parte de Elon Musk e a adquisición de Los Angeles Times por parte de Patrick Soon-Shiong.
Informe previo
Nun informe previo, publicado en xuño de 2025, Oxfam denunciaba que desde 2015, o 1% da poboación humana con máis ingresos engadiu á súa riqueza 29 billóns de euros, o que supón arredor dun terzo do produto interior bruto (PIB) mundial en 2024. Con esta cantidade podería eliminarse a “pobreza anual 22 veces”, subliñaba no documento Do beneficio privado ao poder do público: Financiar o desenvolvemento, non a oligarquía.
Se collemos ás 3.000 persoas milmillonarias, neste tempo a súa riqueza conxunta elevouse 5,5 billóns de euros, e concentran xa 14,6% do PIB do planeta. Todo isto nun contexto no que a riqueza privada segue avanzando fronte á pública. Entre 1995 e 2023 a riqueza privada medrou 292 billóns de euros, un tempo no que a pública gañou 38 billóns, denunciaba a organización.
"A solución fronte á pobreza e a desigualdade non está en Wall Street senón en máis investimento público en saúde, educación ou vivenda", sentenciaba Franc Cortada, director xeral de Oxfam Intermón, que destacaba que "os recursos para garantilo teñen que vir de onde está o diñeiro, con máis impostos aos superricos".

