O presidente do Goberno español anuncia a creación de listaxes negras de empresas condenadas para que non poidan contratar coas administracións públicas
- Máis controis
- Exixencias ás empresas
- Publicar doazóns de máis de 2.500 euros
- Agravar "un terzo" as penas
- Sancións a empresas e partidos
- Recuperar bens, enquisas e cursos de formación
- A intervención de Sánchez
- "Vou contar todo o que sei"
- Contemplou dimitir, mais non vai "tirar a toalla"
- "Non hai impunidade"
- "Abolir a prostitución"
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, comparece esta cuarta feira ante o Congreso para dar explicacións tras o informe da UCO que sinala por presunta corrupción o até hai un mes 'número tres' no PSOE, Santos Cerdán, e para anunciar unha serie de medidas contra a corrupción co ánimo de garantir a continuidade da lexislatura.
Sánchez anunciou un Plan contra a corrupción que incorpora 15 medidas elaboradas en conxunto coa OCDE. "Suporán o maior impulso na loita contra a corrupción que se fixo na historia do Estado español", destacou o presidente do Goberno estatal, que tamén sinalou que o plan estará dispoñíbel para a cidadanía para a súa consulta desde esta mesma cuarta feira.
Neste sentido, anunciou a creación dunha axencia pública para loitar contra a corrupción e de xulgados especializados nesta materia, así como maior protección para as persoas denunciantes no marco dunha reforma da Lei de Axuizamento Criminal (Lecrim) e o endurecemento das penas para os delitos contra a Administración pública.
"Terá funcións clave en prevención, supervisión e persecución de prácticas corruptas", sinalou sobre a nova axencia, que cre necesaria porque, a pesar de a existencia doutros organismos en distintos niveis das administracións, "é evidente que a multiplicidade de organismos xerou ineficiencias".
No marco deste plan de 15 medidas, Sánchez anunciou tamén un "novo procedemento sumario para as causas contra os cargos públicos", para evitar non só as "dilacións indebidas", senón para o que cualificou de "dilacións calculadas" polas partes que "minan a confianza dos cidadáns".
Entre as medidas anunciadas está tamén a proposta de duplicar o tempo de prescrición e crear listaxes negras de empresas condenadas para que non poidan contratar coas administracións públicas. Outro eixo do plan anunciado por Sánchez é a recuperación dos bens roubados. "Imos introducir a figura do comiso administrativo preventivo", dixo.
Máis controis
A "Axencia de Integridade Pública Independente" asumirá funcións de prevención, supervisión e persecución de prácticas corruptas que até o de agora levaban a cabo varios organismos. Ademais, quere endurecer os controis estendendo a todas as administracións públicas a metodoloxía aplicada para a concesión de fondos comunitarios e van crear "mapas de risco" para detectar vulnerabilidades en procesos de "críticos" de contratación, subvencións e na propia xestión orzamentaria. Para este fin o plan prevé introducir aplicacións de intelixencia artificial na plataforma de contratación do sector público para detectar de forma automática patróns anómalos ou "indicios de fraude".
Exixencias ás empresas
Na mesma liña pretende exixir ás empresas que queiran contratar co sector público sistemas de 'compliance' ou cumprimento normativo, así como "pactos de integridade" para determinados contratos públicos. Este sistema, segundo indicou Sánchez, xa se utiliza noutros estados e serve para monitorar os procesos de contratación de forma independente e reduce o risco de mala praxe.
Publicar doazóns de máis de 2.500 euros
O plan anunciado por Sánchez tamén contempla controis patrimonais aleatorios anuais para altos cargos, para vixiar que non obtivesen un beneficio indebido mentres están no cargo. Para reforzar o control dos partidos políticos e fundacións, reducirán o prazo de publicación das súas contas a un mes desde a recepción dunha doazón e rebaixarase o importe económico da subvención ou doazón que están obrigados a publicar de 25.000 a 2.500 euros.
Agravar "un terzo" as penas
Por outra parte, respecto á protección a quen denuncie casos de corrupción, Sánchez lembrou que xa está en vigor a lei de protección do informante aínda que considera que quedou claro que "non é suficiente" e por tanto pretende levar a cabo unha reforma da Lecrim para que calquera persoa que acuda á Fiscalía, a Policía ou a un xuíz para denunciar casos de corrupción ten que ter "garantías plenas de confidencialidade, de protección e de apoio legal".
Na mesma liña quere exixir ás empresas que teñan canles internas de denuncia e obrigará a todas as administracións a incorporalas. "A nosa loita contra a corrupción non pode basearse en rumores nin tampouco en acusacións vacuas, mais tampouco pode permitirse que se perdan nos corredores", sinalou.
No plano xudicial, o plan anunciado por Sánchez contempla agravar "un terzo" as penas de prisión e até 15 anos de inhabilitación absoluta e ademais vincular os beneficios penais á completa restitución das cantidades obtidas por prácticas corruptas con intereses engadidos. Ademais pide recuperar o delito de administración desleal do patrimonio público.
Dará, así mesmo, carácter preferente ás causas nas que estean involucrados cargos públicos e crearase un procedemento "sumario" para os mesmos que evite "dilacións indebidas" e asegura que remitirá ás Cortes o anteproxecto de Lei de Axuizamento Criminal, que inclúe unha reforma estrutural do modelo de instrución penal, atribuíndo esta competencia ao Ministerio Fiscal.
Sancións a empresas e partidos
O xefe do Executivo español pretende así mesmo aumentar as multas ás empresas corruptoras calculándoas sobre os seus ingresos anuais e non sobre os beneficios obtidos e porá en marcha un sistema de exclusión e "de listaxes negras" para impedir que empresas condenadas poidan seguir contratando co sector público.
A idea do Goberno estatal é facer o mesmo nas organizacións políticas, endurecendo sancións por infraccións contábeis e retirando subvencións públicas a quen manteña nas súas listaxes, estruturas ou direccións, a condenados por corrupción.
Recuperar bens, enquisas e cursos de formación
Ademais, sinalou que aumentará os medios e o persoal da Oficina de Recuperación e Xestión de Activos encargada de retornar os bens roubados mediante corrupción e ademais introducir a figura do "comiso administrativo ou preventivo" que permitirá incautar bens vinculados a actividades delituosas sen necesidade de condena penal previa "evitando que os responsábeis oculten ou dispoñan do diñeiro roubado antes de que chegue a Xustiza".
Finalmente, para implementar unha "cultura da integridade", vai realizar estudos demoscópicos anuais sobre a percepción da corrupción e lanzará unha campaña de concienciación cidadá para mostrar o impacto da corrupción e promover as denuncias. Así mesmo, afirmou que vai reforzar a formación do persoal público nesta materia con contidos específicos no acceso á función pública.
Sánchez considera que se trata dun plan "ambicioso realista e honesto" que non busca satisfacer "unha demanda conxuntural" senón resolver o problema de fondo seguindo as recomendacións de persoas expertas e asegura que vai cumprir "até a última coma" do mesmo. Para facilitar esta tarefa, acordou coa OCDE un sistema de seguimento e avaliación dentro de un e de dous anos que emitirá un ditame técnico público para coñecer o estado dos avances en rexeneración e loita contra a corrupción.
A intervención de Sánchez
"A corrupción non pode ter cabida en ningún lado do taboleiro, mais sobre todo entre os progresistas. Non renegamos dos nosos erros, nin baixamos os brazos ante os problemas. Imos superar a crise de corrupción con feitos e con medidas porque a confianza se recupera con accións e con coherencia", esgrimiu sobre o plan.
A intervención de Sánchez comezou cunha lembranza ao falecido sindicalista galego Suso Díaz, con palabras de agarimo para a súa familia e amizades, e de forma concreta, para a súa filla, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.
Díaz, pola súa parte, acudiu ao Congreso escoltada polos deputados de Sumar e sentouse na bancada do seu grupo parlamentario, en lugar dos escanos azuis reservados para os membros do Goberno, no que se interpreta como un xesto para distanciarse de Sánchez no día da súa comparecencia.
Ademais, o líder de Vox, Santiago Abascal, e os 32 deputados e deputadas da formación, decidiron ausentarse do hemiciclo do Congreso durante a intervención de Sánchez, como un "xesto de desprezo ao personaxe".
"Veño propor medidas para que algo así non volva suceder", estabeleceu Sánchez ao comezo da súa intervención anunciando actuacións por parte do Executivo estatal con respecto á corrupción tras recoñecer a gravidade do caso que afecta o PSOE a través do seu ex 'número tres'.
"Vou contar todo o que sei"
"Vou contar todo o que sei", dixo o presidente do Goberno español. "Coñecín Cerdán en 2014. En 2017, foi unha das persoas que me apoiou para gañar as primarias, xunto con Ábalos [José Luis Ábalos, ex secretario xeral do PSOE e ex ministro de Transportes]. O meu erro foi confiar neles porque neses momentos estaba convencido de que Cerdán era unha persoa íntegra", explicou sobre a relación co presunto corrupto.
"A pesar de que debo respectar a presunción de inocencia, resulta evidente que me equivoquei", admitiu, sinalando que foi "un duro golpe para min". "Son moi consciente e quero pedir desculpas. É evidente que me equivoquei e os mecanismos non funcionaron", engadiu Sánchez.
Contemplou dimitir, mais non vai "tirar a toalla"
Sánchez asegurou que que contemplou dimitir e convocar eleccións tras estalar o escándalo. "Como persoa que os nomeou teño parte de responsabilidade e asúmoa. Os que desde hai sete anos piden a miña dimisión apresuráronse a pedir de novo a miña dimisión e que convoque eleccións. Eu mesmo considerei esas opcións, pareceume a solución máis sinxela nos primeiros momentos, para min e para a miña familia, mais logo comprendín que tirar a toalla non é nunca unha opción. Non vou tirar a toalla e imos continuar”, afirmou.
"Non hai impunidade"
O líder do Executivo estatal defendeu que a actuación do Goberno que lidera nos últimos sete anos "é positiva" antes de destacar o récord de persoas afiliadas na Seguridade Social e outras cifras de corte económico. "Conseguimos moito cousas nestes anos e queda moito por facer", explicou. Ademais, negou que no Estado español haxa un problema de corrupción endémica na actualidade. "Os datos indican que non hai corrupción endémica, nin hai impunidade", afirmou.
"Abolir a prostitución"
Por outra parte, Sánchez reivindicou o compromiso de "abolir a prostitución". "Ese informe e eses audios conteñen comentarios e condutas machistas que están nas antípodas dos meus valores e do que o meu partido representa. Querería reivindicar o compromiso da miña organización coa abolición da prostitución", subliñou Sánchez.
O presidente do Executivo estatal sinalou que "descubrir ambas as cousas foi un duro golpe" para el e pediu "unha vez máis desculpas". "E, ademais, quero facelo desde aquí, desde a sede da soberanía. É evidente que me equivoquei ao confiar en José Luis Ábalos e en Santos Cerdán", remarcou.
O líder do Executivo estatal afirmou que está decepcionado consigo mesmo por confiar nos seus dous ex secretarios de Organización, Santos Cerdán e José Luis Ábalos, mais asegurou que el é "un político limpo". "Subo a esta tribuna cunha fonda sensación de decepción, en primeiro lugar comigo mesmo e sobre todo con aqueles en quen nunca debín confiar. Mais tamén subo coa seguridade señorías de ser un político limpo", indicou Sánchez.
O líder do PSOE considerou que estes casos non xustifican o "torrente de insultos" que ao seu xuízo están a recibir os cargos socialistas en todo o Estado español, mais recoñeceu que o escándalo de corrupción no seo da formación socialista pode provocar "dúbidas lexítimas" que deben ser contestadas.
Desta maneira, sostivo que está determinado a seguir á fronte do Goberno español por tres razóns. A primeira, que é "un político limpo". Sánchez admitiu que neste caso é "máis difícil non crer que crer" o seu argumento de que non sabía das "corruptelas nas que puidesen estar inmersos" os ex secretarios de Organización Santos Cerdán e José Luis Ábalos. Neste contexto, aínda que recoñece que a xente pode ter "dúbidas" do que el coñecía ou non, el non as ten.
O seu segundo motivo para continuar é a aspiración de "recuperar a confianza" dos grupos que dunha ou outra maneira viñeron apoiando a acción do Goberno español. Así, dixo que sabe que non son "días fáciles" para estas formacións que están "baixo moita presión", mais prometeu a todas e cada unha delas que vai estar " á altura", a "satisfacer as súas expectativas de rexeneración" e a "cumprir os compromisos" que alcanzou con todas elas.
"A terceira razón é que o proxecto político que teño a honra de representar vai moito máis alá da miña persoa e aínda non está culminado", abondou. Así o recalcou en contraposición a idea que a coalición ultradereitista do Partido Popular con Vox leva anos construíndo a idea de que é un "presidente megalómano que se aferra ao cargo para montar no Falcon e vivir no Palacio da Moncloa".
"Fan esa caricatura para deshumanizar ao adversario político e porque cren, ademais, que este cargo é un privilexio para gozar e non unha alta honra e unha gran responsabilidade que exercer", apuntou Sánchez, incidindo en que non é así como concibe el a Presidencia do Goberno, pois, ademais dunha alta honra é "unha inmensa responsabilidade e é unha gran oportunidade de transformar para ben a vida da xente".
"É unha responsabilidade pola confianza que depositaron en nós millóns e millóns de persoas que queren que os seus dereitos crezan e non haxa unha involución, que se respecten en definitiva. E tamén é unha grande oportunidade para mellorar a vida da xente, para seguir convertendo o Estado español nun referente mundial de crecemento económico, de transición verde, de benestar social e tamén de avances sociais en dereitos e en liberdade", dixo, como argumento para seguir adiante.