Comparecencia de Pedro Sánchez

Néstor Rego acusa as forzas do bipartidismo de "alimentar unha relación simbiótica entre o poder político e o económico"

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, esta cuarta feira 9 de xullo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Para o nacionalista, a corrupción estrutural atinxe tanto "os partidos que viñeron substituíndose no Goberno, PSOE e PP", como "a Xefatura do Estado cunha monarquía non só anacrónica e antidemocrática senón tamén intrinsicamente corrupta". Nesta listaxe de ámbitos corruptos, Néstor Rego engadiu tamén o ámbito empresarial e o xudicial.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, comezou a súa intervención desta cuarta feira no marco da comparecencia do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, trasladando "as condolencias en nome do BNG á vicepresidenta Yolanda Díaz polo pasamento do seu pai, o histórico sindicalista Suso Díaz".

"A corrupción é estrutural", dixo Rego contradicindo Sánchez. "É desde a transición que os grandes poderes económicos estabeleceron ligazóns cos xestores políticos, e é por iso que os casos de corrupción afectan todos os ámbitos que dan soporte ao réxime".

Para o nacionalista, esta corrupción estrutural atinxe tanto "os partidos que viñeron substituíndose no Goberno, PSOE e PP", como "a Xefatura do Estado cunha monarquía non só anacrónica e antidemocrática senón tamén intrinsicamente corrupta".

Nesta listaxe de ámbitos corruptos, Rego engadiu tamén o ámbito empresarial e o xudicial, "porque o lawfare é tamén unha forma de corrupción", explicou. "É con certeza que por iso ninguén que gobernou atacou o problema de raíz", engadiu.

Así, sentenciou que ningún Goberno se implicou "investigando, xulgando e punindo os poderes económicos, as grandes empresas como Acciona que se benefician da corrupción e que se converteron en auténtica máquinas de succionar diñeiro público", sentenciou.

"Non o atacaron porque lles é funcional, todo o contrario, alimentaron esa relación simbiótica entre o poder político e o económico coas chamadas portas xiratorias das que participan de maneira indecente ex presidentes do PP e do PSOE como José María Aznar e Felipe González e numerosos ex ministros de ambos os partidos do réxime", destacou Rego.

"Absoluta contundencia"

"O BNG reclama absoluta contundencia contra a corrupción, afecte quen afecte e caia que caia", exclamou o nacionalista. "Vostede [Pedro Sánchez] anunciou hoxe aquí 15 medidas en cinco eixos, comprenderá que sexamos escépticos especialmente no que atinxe á exclusión das empresas corruptoras", continuou.

"Hai cinco meses anunciou despois de cinco días de reflexión medidas de rexeneración democrática, e o BNG elaborou propostas que fixo chegar ao Goberno", lembrou. "Porén, nun ano, vostedes non fixeron absolutamente nada", recriminou Rego ao presidente do Executivo do Estado español.

"Quero deixar moi claro que o BNG nunca vai transixir coa corrupción nin ollar para outro lado. Estamos aquí para defender os intereses da Galiza e, para comezar, o BNG non é socio do PSOE nin ten ningún acordo de lexislatura. No seu día asinamos un acordo de investidura que o BNG xa cumpriu, e que o Goberno debe cumprir xa tamén de maneira rápida e eficaz", esgrimiu o nacionalista.

"Non sei se son conscientes de que os incumprimentos suman decepción á decepción que xeran os casos de corrupción ou a falta de políticas valentes e verdadeiramente transformadoras no ámbito social, nacional e democrático", argüíu Rego.

"Vostedes van sempre arrastrando os pés e cumprindo cando non lles queda máis remedio, mais non é aceptábel, porque o pobo galego espera un tratamento digno en investimentos, espera contar con servizos ferroviarios incluídas as 'cercanías', espera xulgados de violencia de xénero en todas cidades, espera unha AP-9 galega e sen peaxes e espera tamén que se poña freo ao espolio eólico do noso país que vostedes alimentan ao servizo das grandes eléctricas, ese outro poder intrinsicamente corrupto e corruptor. Espera vivenda digna, espera contar cunha tarifa eléctrica galega ou espera que nin un só euro de diñeiro público vaia para Altri porque o BNG xa advertiu que para nós esa é unha liña vermella", salientou.

"O BNG nunca vai facilitar un Goberno da dereita e da ultradereita"

"O BNG nunca vai facilitar un Goberno da dereita e da ultradereita, nunca. O PP ten un mestrado en corrupción e Feixoo sabe moito de corrupción e até de narcotráfico, o único que pretenden é acabar con calquera mínimo avance na democratización e no recoñecemento das nacións e proceder a unha involución política", afirmou. "Por tanto, nunca imos apoiar iso, mais isto non é unha carta branca para ninguén, queremos contundencia contra a corrupción e queremos que cumpran coa Galiza", concluíu o portavoz do BNG no Congreso.