Comparecencia de Pedro Sánchez

Feixoo di que a "única saída decente" é ir a eleccións

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira 9 de xullo no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
"Isto vai de Sánchez ou de decencia. Por iso, o que hoxe se dirime aquí non é unha purga ideolóxica, senón unha purga moral", afirmou Feixoo.

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, afirmou esta cuarta feira que a "única saída decente" ante os casos de presunta corrupción que afectan o Goberno español e o PSOE é convocar xa unhas eleccións estatais, e avisou os socios do PSOE que se non forzan esta situación "verano" nas urnas.

"Déixense de milongas porque isto non vai de Sánchez ou a ultradereita. Isto vai de Sánchez ou de decencia. Por iso, o que hoxe se dirime aquí non é unha purga ideolóxica, senón unha purga moral", dixo Feixoo.

Durante a comparecencia do presidente do Goberno español, Feixoo cuestionou que Sánchez poida sacar o Estado español deste "pesadelo" porque foi el quen o "meteu nela". Por iso, recomendoulle "confesar todo o que sabe, axudar a devolver o botín e convocar eleccións". Ao seu entender, non é que sexa a "única saída decente", é que "non ten outra".

Tras aconsellar a Sánchez "contar algunha verdade" ante o Congreso e non esperar o interrogatorio " dalgún xuíz", detallou algunhas medidas "reais" contra a corrupción como reforzar en persoal e recursos os responsábeis da Garda Civil, retirar "as leis de Bolaños [o ministro de Xustiza]", cesar o fiscal xeral "imputado" e cambiar o Tribunal Constitucional "para evitar calquera sombra de partidismo".

Entrega a Armengol 50 preguntas para Sánchez

Feixoo afirmou que Sánchez levaba menos dun mes na Moncloa e "xa se puxeron mans á obra". "É incríbel. Non fixo falta nin corrompelos. Viñan vostedes corrompidos. E a pregunta é, como puido pasarlle isto a vostede? Contrólao todo e o máis importante é o que se lle escapa. Pobre home, señor Sánchez, non? Que mala sorte tivo vostede", dixo con ironía.

Na súa intervención, o presidente do PP dirixiuse á presidenta do Congreso, Francina Armengol, para entregarlle 50 preguntas concretas para o xefe do Executivo español sobre os casos de presunta corrupción. Nesa listaxe, pregunta a Sánchez se pode "asegurar que non hai financiamento irregular no PSOE" e até cando vai finxir " que non sabía nada", entre outras cuestións.