Comparecencia de Pedro Sánchez

Yolanda Díaz afirma que Pedro Sánchez é "honrado", mais pídelle un "xiro social" de esquerdas

Yolanda Díaz, esta cuarta feira 9 de xullo no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A ministra valorou o plan de medidas anticorrupción anunciado polo xefe do Executivo estatal ao recoller o groso das exixencias de Sumar en rexeneración democrática, aínda que demandou outras actuacións que reivindica o seu espazo, como prohibir os indultos por corrupción.

A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, defendeu esta cuarta feira que o presidente do Executivo, Pedro Sánchez, é "honrado", aínda que lle exixiu que dea máis garantías ante a presunta corrupción do caso Santos Cerdán e que dea un "cambio de rumbo" e un "xiro social" de esquerdas á lexislatura.

Neste sentido, valorou o plan de medidas anticorrupción anunciado polo xefe do Executivo estatal ao recoller o groso das exixencias de Sumar en rexeneración democrática, aínda que demandou outras actuacións que reivindica o seu espazo, como prohibir os indultos por corrupción.

Así o trasladou tras asumir ante a comparecencia de Sánchez a quenda de réplica de Sumar e tras seguir o discurso do presidente na bancada do seu grupo, abandonando así os asentos reservados aos membros do Goberno español, no que se entendeu como un xesto de distanciamento con Sánchez no día da súa comparecencia.

A titular de Traballo afirmou que, á parte das actuacións de rexeneración, necesitan "respostas" sobre o caso do 'ex número tres' do PSOE, Santos Cerdán, e o alcance da trama Koldo, mais mostrouse convencida de que o presidente as dará.

"Vostede ten que dar garantías e vainas dar. Eu sei que vostede é honrado, e dígoo aquí, mais a cidadanía progresista está angustiada, está angustiada pola corrupción e está angustiada porque non queren que gobernen as dereitas", engadiu Díaz.

Ademais, interpelou o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, para expresar que subiu á tribuna en nome do seu pai Suso Díaz, histórico sindicalista que faleceu esta terza feira, "porque non querería xamais que gobernasen as dereitas".