Doce minutos é o tempo que se dedicou no primeiro período de sesións desta lexislatura, que rematou o 31 de decembro, á comisión de investigación para analizar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros, Caixa Galicia e Caixanova, e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex directivos.
Así se recolle no balance do ano feito polo grupo popular, e remitido aos medios de comunicación en relación a esta comisión, que se constituíu o pasado 11 de decembro tras aprobalo por terceira vez o Parlamento galego o pasado 20 de outubro.
Sete anos despois de ser solicitado por primeira vez, pasados dous anos tras o inicio dun proceso xudicial e seis meses despois da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que obrigaba a Xunta a trasladar a documentación, o Goberno que preside Alberto Núñez Feixoo remitiu á Cámara galega o informe-proposta da conselleira de Facenda, daquela Marta Fernández Currás, e o certificado da acta da reunión da comisión de secretarios xerais, previa á reunión do Consello de la Xunta do 18 de novembro de 2010 no que se autorizou a fusión das caixas galegas.
O ex parlamentario de Anova Antón Sánchez solicitara a Xunta a documentación relativa á proposta de fusión da Xunta foi, xunto á carta de encarga da análise que fixo KPMG da viabilidade da fusión á Xunta cando se constituíu por primeira vez a comisión e acabou por recorrer á á xustiza para facer valer a súa condición de deputado e o dereito para contar cos informes reclamados.
O pasado mes de xuño, o TSXG deulle a razón, mais a Administración galega tardou seis meses en rexistrar os documentos no Parlamento e envialos ao xulgado, esgotando os prazos dados para o cumprimento da resolución xudicial.
Os informes foron remitidos por Facenda o pasado 23 de decembro e chegou ao Parlamento o 24, mais a información non foi incorporada ao expediente da comisión parlamentaria unha semana despois, e nin sequera hai referencia a que existe –como é habitual, aínda que o documento sexa secreto–. A non incorporación desta documentación ao expediente contrasta co que ocorre con outras comisións, como é o caso da de Reactivación, mesmo con datas de entrada posteriores.