En Marea perde o escano de Ourense

A suma de PP e Ciudadanos supera amplamente a de PSOE e Podemos

Ao contrario do que indicaban as enquisas e conforme avanzaba o escrutinio, foise debuxando un Parlamento español máis escorado á dereita. E é que, finalmente, a suma de PP e Ciudadanos supera a suma do PSOE e de Podemos. Estes resultados tamén desbotan a teoría do sorpasso de Podemos, o gran derrotado da noite, ao PSOE.

2

Co 97,36% do voto escrutado, o PP acada o 32,99% dos votos e 137 escanos, fronte ao 28,71% dos apoios e os 123 escanos que obtivera nas eleccións do 20 de decembro. O PSOE, pola súa banda, supera, en pouco, a porcentaxe de apoios do 20D, ao pasar do 20% ao 22,77%. Porén cae en número de parlamentares dos 90 do 20D aos 86.

Unidos Podemos e as súas confluencias son os grandes derrotados da noite após as expectativas que se crearan arredor dos seus resultados. A coligazón liderada por Pablo Iglesias sentará no Parlamento 71 deputados e deputadas, os mesmos escanos nas eleccións do 20D de sumarmos os asentos de Podemos e as súas confluencias cos de Unidad Popular (IU). Hai seis meses, Podemos, as confluencias e IU obtiveran o 24,33% dos votos, porcentaxe que cae ao 21,12% actual.

Ciudadanos obtén o 13% dos votos e 32 escanos, cando no 20D obtivera 13,94% e 40 escanos. A continuación, en número de apoios, sitúase ERC, co 2,63% e 9 parlamentares, o mesmo número de escanos que lograra o 20D, cando sumara o 2,39% das papeletas. Tamén repite número de escanos, 8, CDC, que acada o 2,01% dos apoios con 0,24 puntos menos que o 20D, comicios aos que se presentara co nome Democràcia i Llibertat.

EAJ-PNV cae un escano a respeito do 20D e fica con 5 asentos; pasa do 1,20% de hai seis meses ao 1,23% actual. EH Bildu tamén mantén os 2 escanos e acada o 0,79% das papeletas, fronte ao 0,87% do 20D. Coalición Canaria-Partido Nacionalista Canario fica co escano que obtivera o 20D aínda que baixa do 0,32% ao 0,30%.

Resultados na Galiza

Co 97,12% do voto escrutado, o PP acada o 41,58% dos apoios e 12 escanos, fronte ao 37,12% e 10 parlamentares que lograra o 20D. O PSdeG afiánzase na segunda posición e mantén os seus seis escanos e sobe do 21,33% ao 22,26%. En Marea cae de 6 a 5 escanos e pasa do 25,01% dos apoios a 22,12%. Ciudadanos tamén perde o escano que lograra pola Coruña e cae do 9,06% dos votos ao 8,59%. O BNG, pola súa banda, non obtén representación e pasa de posuír o 4,32% das papeletas a obter o 2,89%.

Por circunscricións, na Coruña o PP (que pasa do 35,5% dos votos ao 40,17%) sobe un escano a respeito do 20D e fica con 4; mentres que En Marea (que cae do 26,34% dos votos ao 22,98%) e o PSOE (que sobe do 20,43% ao 21,81%) manteñen os seus dous asentos no Congreso. Perde o seu escano Ciudadanos.

En Lugo repítese o reparto de escanos: 2 para o PP (que pasa do 42,51% a 47,55%); 1 para o PSOE (que baixa do 23,98% ao 23,73%) e 1 para En Marea (que cae do 19,24% ao 16,90%). En Ourense o PP (que aumenta do 44,92% ao 49,84% dos apoios) sobe un escano e sitúase en 3 e o PSOE mantense con 1 (aumenta do 23,18% dos votos ao 23,42%). Perde o escano que posuía En Marea, que cae do 17,81% dos apoios do 20D ao 15,51%.

En Pontevedra o reparto de escanos é o mesmo que o 20D: 3 para o PP (que aumenta apoios do 34,49% ao 38,32%); 2 para En Marea (que cae do 27,92% ao 25,19%) e 2 para o PSOE (que sobe do 20,81% ao 21,88%).

Comentarios