"Se non valen para gobernar, terán que cesar": Centos de persoas exixen dimisións ao PP pola xestión do 'caso Vilares'

A Marcha Mundial chamou a protestar diante das sedes do PP nas principais urbes polo "comportamento machista" que entende que a Xunta da Galiza mantén desde que o pasado 4 de xuño Vilares convocou unha rolda de prensa na sede do Goberno galego en San Caetano.
Concentración ante a sede do PP en Compostela, este 25 de xuño. (Foto: Arxina)
Concentración ante a sede do PP en Compostela, este 25 de xuño. (Foto: Arxina)

Centos de mulleres concentráronse esta cuarta feira diante das sedes que o Partido Popular ten nas sete grandes cidades galegas para condenar a “actitude cómplice” dos membros do Goberno galego diante da denuncia interposta contra o agora ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, por un presunto caso de agresión sexual e que derivou nun procedemento xudicial aínda en curso.

Convocada pola Marcha Mundial das Mulleres, a protesta foi secundada por case 28 colectivos feministas de todo o país baixo o lema “Machistas fóra das institucións”. As manifestantes exixiron a dimisión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; da conselleira de Política Social, Fabiola García, e do director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba.

A Marcha Mundial chamou a protestar diante das sedes do PP nas principais urbes polo “comportamento machista” que entende que a Xunta da Galiza mantén desde que o pasado 4 de xuño Vilares convocou unha rolda de prensa na sede do Goberno galego en San Caetano (Compostela) para anunciar a súa dimisión “e foi despedido entre abrazos e aplausos do presidente da Xunta e os seus compañeiros do PP”, criticaron os colectivos feministas concentrados esta cuarta feira ás portas das sedes da formación popular na Galiza.

Nun manifesto asinado por 28 colectivos feministas de todo o país, cualificaron de “espectáculo mediático dos cargos do PP na Xunta” o acontecido desde a dimisión de Vilares, cun “apoio público e persoal a un conselleiro imputado por unha agresión sexual contra unha muller”. Desde a Marcha Mundial das Mulleres reiteraron que “temos dereito a exixir dimisións porque nos gobernan a nós, e amparan agresores e supostos violadores mentres revitimizan as mulleres”.

Aínda sen rectificar un "comportamento machista"

Criticaron tamén os colectivos feministas galegos que levan case un mes “agardando un pronunciamento oficial de condena da Xunta”, lembrando que Vilares permaneceu á fronte do departamento de Mar durante catro meses, desde febreiro, “cando o presidente xa sabía do caso”. Tamén afearon o “comportamento machista” dos membros do Goberno na “despedida” do conselleiro, en referencia aos “abrazos” e “aplausos” entre os que dimitiu.

As persoas que esta cuarta feira se manifestaron cuestionaron tamén que, case un mes despois de transcender a denuncia e investigación a Vilares e da criticada reacción de Rueda e do Goberno galego, o PP "siga rexeitando mostrar solidariedade coa muller denunciante, nin reprobe a filtración pública da súa identidade, nin tampouco apoie pór a disposición da denunciante todos os recursos previstos na Lei da violencia de xénero e, singularmente, no seu artigo 30 en canto ao exercicio da acción popular no procedemento penal".

As feministas lembraron que “as persoas que nos representan no Parlamento galego e no Goberno deberían ter claro que a violencia de xénero non é un asunto privado, é un problema estrutural e social”. En Lugo, na Coruña, Ferrol, Ourense, Compostela, Pontevedra e Vigo, os colectivos feministas destacaron que xa en maio de 2024 na formación do Goberno de Rueda, logo das eleccións de febreiro,  “eliminou” do organigrama da Xunta a Secretaría Xeral de Igualdade, “separando” a abordaxe institucional da violencia de xénero e a igualdade en dúas direccións xerais.

Comentarios