Rueda non adoptará medidas extraordinarias malia o aumento dos casos de violencia machista

Ana Pontón recriminou ao presidente a "pasividade" do seu Goberno.
combo-web
Alfonso Rueda, Ana Pontón e Gómez Besteiro, na sesión de control. (Foto: Parlamento da Galiza)

O Goberno galego non adoptará medidas extraordinarias malia o aumento dos casos de violencia machista e os dous asasinatos de mulleres rexistrados na Galiza en 15 días. Para o presidente Rueda, a Xunta xa "actúa con contundencia" contra o machismo, algo que nega a portavoz do BNG, Ana Pontón, que o acusa de "pasividade" neste tema.

A violencia machista centrou a pregunta da portavoz do BNG ao presidente galego na sesión de control do Parlamento galego. Para a nacionalista, o feito de que nun prazo de 15 días se asasinasen dúas mulleres e de que os últimos datos sitúan a Galiza como segunda comunidade coa taxa máis alta de violencia machista, debería levar o Goberno galego a convocar un comité de crise e a adoptar medidas extraordinarias. "Non podemos normalizar isto, é aterrador", dixo Ana Pontón, ao tempo que criticaba a "pasividade" do Goberno galego. Para a portavoz do BNG o PP está "a coller o camiño do negacionismo" da violencia machista da extrema dereita. Criticou, neste sentido, que o Goberno galego "non teña unha palabra para a vítima" na denuncia contra o ex conselleiro do Mar Alfonso Vilares por agresión sexual, ou que o PP vetase a pasada terza feira que a Cámara galega se solidarizase coa denunciante. Pontón instou Alfonso Rueda a "rectificar" e apuntou que "a súa obriga é traballar por unha Galiza libre de violencia machista".

O titular da Xunta da Galiza acusou o BNG de empregar este tema "con fins electoralistas" e afirmou que o seu Goberno actúa "con contundencia" contra a violencia machista.  Atacou Pontón acusándoa de gardar silencio ante as gravacións do ex ministro José Luis Ábalos e de Koldo García falando "de prostitutas", e responsabilizándoa de apoiar a lei "de só si é si" que beneficiou "1.450 delincuentes sexuais". Para pór o ramo, o presidente dixo que a portavoz do BNG era unha "supremacista" que "non respecta as mulleres do PP". Para Ana Pontón, as respostas de Rueda deixaron claro que "non lle preocupan os asasinatos machistas". Nese momento houbo un rebumbio na bancada popular. "Non as asasinaron?", preguntou entón Pontón a Paula Prado, viceportavoz do PP e secretaria xeral do partido. "Non o sei", respondeu Prado.

Desde o PSdeG, a deputada Paloma Castro urxiu a Xunta a garantir que os centros de información á muller (CIM) dean unha cobertura "efectiva" a todo o territorio galego.

Besteiro pide medidas en materia de vivenda

O portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, centrou a súa pregunta ao presidente galego na situación da vivenda. Acusou Rueda de ir á Conferencia de Presidentes —onde o plan de vivenda era un dos puntos da orde do día— con intención de cumprir "a consigna" de Núñez Feixoo de "rebentar" esa reunión. Para Besteiro, Rueda, en comparación con outros presidentes autonómicos, aceptou tarde a proposta do Goberno estatal de ampliar os fondos públicos para vivenda protexida. "Feche rápido ese acordo [co Executivo estatal] para axudar a solucionar o problema da vivenda, que tanto preocupa aos galegos e ás galegas", manifestou.

Para Rueda, Besteiro exerce de portavoz do Goberno estatal, e criticouno con dureza. "Vostede vén aquí a intentar tapar as vergoñas do Executivo de Pedro Sánchez", recriminou o presidente. 

Comentarios