O candidato de Vox á Xunta en 2020 deixa o partido de ultradereita: "Confunden lealdade con submisión"

Ricardo Morado foi o candidato da formación de extrema dereita á Presidencia da Xunta en 2020. (Foto: Vox)
O pasado domingo ex dirixentes da formación acusaron Santiago Abascal de "autoritarismo" e sinalaron que "autorizou" a entrada de neonazis en Vox. "Os golpes de peito e demostracións de forza non valen", di Ricardo Morado.

Ricardo Morado, candidato de Vox ás eleccións galegas en 2020, quen tamén liderou o partido na circunscrición da Coruña, vén de solicitar a súa baixa como afiliado, segundo informou a través das redes sociais, nun comunicado no que explica os motivos dunha decisión "meditada".

Morado, que non obtivo representación naqueles comicios, trasladou a súa "tristura" pola decisión, mais asegurou que non sorprenderá "a aqueles que saben que é o que pasou nos dous últimos anos na Galiza".

Así, apuntou que os "golpes de peito e demostracións de forza" non valen porque "aos acólitos xa non hai que convencelos, e aos que non están convencidos iso non lles serve de moito".

Á dirección da formación de ultradereita reprochoulle que o proxecto de Vox "non avance de maneira igual" en todos os territorios do Estado nos que "se move con actividades, reunións de afiliados, actividade na rúa...". "Busquen algo así na miña provincia", dixo.

No seu comunicado, rexeitou que se lle poida cualificar de "traidor" e engadiu que é o que se fai no partido ante a "crítica construtiva". En particular, denunciou que en Vox confundíronse os termos de "lealdade" e "submisión". "Lealdade é dicirlle ao teu xefe o que está a facer mal e lealdade do teu xefe é que non te castigue por iso, e todo o demais é submisión. E ese non son eu", incidiu.

Acusacións de "autoritarismo" e de "autorizar os neonazis"

A renuncia de Morado chega logo de que o domingo o programa 'Salvados', de La Sexta, recollese os testemuños de ex dirixentes da formación que acusaban Santiago Abascal de autorizar a entrada de neonazis.

Os catro entrevistados —Juan Jara, Luis Miguel Núñez, Nuria Almagro e Fernando Moya— coincidiron en sinalar o réxime autoritario implantado por Abascal e o seu persoal de confianza á hora de tomar decisións sobre os pasos políticos do partido.

Con todo, non era a primeira vez que se facía referencia aos vínculos de Vox con formacións e elementos neonazis e fascistas. O ex secretario xeral do partido de extrema dereita, Javier Ortega Smith, mantén vínculos desde a década dos oitenta coa Falanxe española, fundada por José Antonio Primo de Rivera, do que Ortega Smith pronunciou loanzas en numerosas ocasións.