Reclama as axudas á hostalaría anunciadas o 26 de xaneiro

Caballero reclama da Xunta "un gran plan de rescate"

Gonzalo Caballero visita Monforte de Lemos e pídelle desde alí a Feixoo que os fondos extraordinarios cheguen aos sectores máis afectados pola crise.
EuropaPress_3561558_secretario_xeral_psdeg_gonzalo_caballero_visita_monforte_lemos_lugo_junto
photo_camera Gonzalo Caballero na súa visita deste sábado a Monforte de Lemos. (Foto: PSdeG)

O secretario xeral dos socialistas galegos (PSdeG), Gonzalo Caballero, solicitoulle este sábado á Xunta a posta en marcha de "un gran plan de rescate efectivo e real" para que os fondos extraordinarios, recibidos tanto por parte do Estado español  como da Unión Europea (UE), cheguen aos sectores económicos máis afectados pola crise da Covid-19.

O líder do PSdeG fixo estas declaracións en Monforte de Lemos, a onde se desprazou para reunirse co alcalde da vila e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

Gonzalo Caballero lembrou que o Goberno da Xunta percibiu o ano pasado "224 millóns de euros para compensar as perdas" dos sectores danados e que en 2021 prevé recibir outros 1.100 millóns desde Europa "para protexer a xente".

Por estas razóns, Gonzalo Caballero pediulle á Xunta un plan para que estas contías "cheguen xa aos comercios que están fechados, aos hostaleiros que non poden abrir e a tantos negocios e pequenas empresas que teñen por diante semanas e meses tan complicados".

Ademais, ante a terceira vaga da pandemia provocada pola Covid-19, que nas últimas semanas acadou altas cifras de contaxios, falecidos e presión hospitalaria, o secretario xeral do PSdeG solicitoulle ao presidente Alberte Núñez Feixoo que "reforce" o sistema sanitario e que articule "unha folla de ruta que priorice a saúde e rescate a economía", unha vez "fallou a estratexia de salvar o Nadal".

Dito isto, Caballero negou que a súa formación cuestione as medidas adoptadas pola Xunta para facer fronte á Covid-19 e instou a "mantelas" porque son "necesarias".

Non obstante este punto, afirmou que lle "chama a atención" que o 26 de xaneiro se aprobasen estas restricións, entre elas, o feche da hostalaría en toda Galiza, pero que aínda "non se publicou" no Diario Oficial da Galiza (DOG) o paquete de axudas anunciado daquela.

Comentarios