Un proxecto que sumará 14.380 millón de euros

O BNG presenta o programa "Xerar Futuro" para saír da crise

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) presenta o programa "Xerar Futuro, Galiza Next", enfocado a investir nos principais ámbitos económicos, sociais e culturais do país.
P1255958
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na prsentación de "Xerar Futuro, Galiza Next". (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou na mañá do sábado o programa, “Xerar Futuro, Galiza Next”, unha proposta articulada arredor de 15 ámbitos “prioritarios” de actuación para mobilizar un investimento de 14.380 millóns de euros en 10 anos, para saír da crise e para sentar as bases do desenvolvemento das próximas décadas. 

O programa presentouno a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que explicou que se orzamento para o “Xerar Futuro, Galiza Next” se nutriría dos fondos europeos de recuperación “Next Generation”, mais tamén do Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 da UE (Unión Europea).

Ana Pontón avanzou as liñas xerais do documento, apuntando que “é unha proposta coherente para converter a crise nunha oportunidade da que emerxa a Galiza do futuro: unha Galiza ecolóxica, científica, social e feminista”. “Noutras palabras, subliñou a líder da oposición, unha Galiza sustentábel no económico e no ambiental; unha Galiza vangardista da man da dixitalización, da ciencia e da investigación; e unha Galiza xusta, inclusiva e con igualdade no social”.

Pontón tamén explicou que  “Xerar Futuro, Galiza Next” formula alternativas para retos  que “xa estaban aquí e que a Covid-19 tornou urxentes”, como é o caso, apuntou, “da transición ecolóxica e ambiental, da transformación tecnolóxica e dixital, do paso a unha economía verde baseada na I+D+i (Investigación, desenvolvemento e innovación), da saúde e dos coidados, como piares dunha sociedade inclusiva”.

A portavoz nacionalista tamén destacou dentro do programa o reto “da igualdade de xénero que garanta os dereitos das mulleres”.

Para afrontar con éxito estes desafíos, o BNG aposta por implicar aos axentes económicos, sociais e culturais, “porque o reto é saír da crise para dar un paso adiante,  un paso de xigante que nos permita definir a Galiza que queremos para as vindeiras xeracións”, proclamou Ana Pontón.

A líder da oposición recalcou a necesidade de sumar “recursos extraordinarios” e destacou que os únicos posíbeis “son os que ofrecen os fondos europeos de recuperación, e por iso temos a obriga de conseguir até o último euro que lle corresponde á Galiza e acertar nas medidas a pór en marcha”.

O Bloque Nacionalista Galego avoga pola participación de todas as administracións galegas, nun goberno en tres niveis “baseada na cooperación, na lealdade e na eficacia, pondo por diante o interese xeral nun momento que pide máxima responsabilidade co país e coa súa xente”, alegou Ana Pontón.

“Xerar Futuro, Galiza Next” está estruturado en 15 ámbitos prioritarios con propostas estratéxicas a favor dos sectores produtivos, do tecido de pequenas e medianas empresas ou dos servizos públicos, e enfocado cara un novo paradigma económico verde, tecnolóxico e inclusivo no social.

A líder nacionalista avanzou algunhas das propostas do documento.

“No ámbito da saúde e dos coidados, se algo aprendemos é que sen servizos públicos fortes capaces de velar pola saúde e polo coidado das persoas non hai futuro, nin no económico, nin no social”, e por iso o BNG propón un sistema público de saúde para a Galiza do 2030, que poña no centro a atención primaria e a medicina preventiva.

E no relativo aos coidados, porá en marcha a estratexia “Fogar” para garantir o dereito a unha vellez digna empezando por un modelo de residencias públicas.

A dixitalización e a implantación das novas tecnoloxías son clave na proposta do BNG, incluíndo a intelixencia artificial e a Big Data. O mesmo que a posta en marcha dunha estratexia industrial que inclúa unha transición enerxética.

Desde o Partido Popular (PPdeG), o  seu secretario xeral, Miguel Tellado, e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, compareceron en rolda de prensa e instaron a BNG e PSdeG (Partido Socialista) a que se unan "á candidatura de país" que a Xunta segue impulsar para optar aos fondos 'Next Generation', solicitando que tamén se sumen á reivindicación de que o Goberno do Estado habilite "un reparto xusto e transparente" ds recursos europeos.Nesa liña, o secretario xeral Miguel Tellado cualificou o programa “Xerar Futuro” do BNG como "oportunista".

Comentarios