Abel Caballero compara as protestas de veciñanza no pleno "co fascismo dos anos 30"

Representantes da plataforma 'Vigo somos todxs' acudiron ao pleno desta cuarta feira.
"Son rebentadores da democracia, tentan rebentar o pleno pero non o van conseguir. Isto facíao o fascismo nos anos 30, o mesmo que vostedes aquí", dixo o rexedor, ante as interpelacións de representantes da plataforma social 'Vigo somos todxs'.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, protagonizou esta cuarta feira un tenso enfrontamento cun grupo de veciños e veciñas da asociación Avibe, que se opón á construción dun vial en Beade, aos que acusou de querer "rebentar" o pleno e de actuar "como o fascismo dos anos 30".

Os veciños, que presenciaban como público a sesión plenaria, interromperon algunhas intervencións e, no momento no que ía tomar a palabra a concelleira de Urbanismo, María José Caride, no debate dunha moción do BNG sobre parques eólicos mariños, os membros da asociación, comezaron a corear: "Vigo somos todos! Vigo somos todas!".

Nese momento Caballero interrompeu o debate e dirixiuse directamente aos veciños que protestaban, aos que se referiu en máis dunha decena de ocasións como "rebentadores da democracia". "Están a rebentar un pleno, o que fala do seu talante democrático. Garden silencio ou mando desaloxar", advertiu o rexedor.

En vista de que as protestas continuaron, o rexedor volveu insistir: "Son rebentadores da democracia, tentan rebentar o pleno pero non o van conseguir. Isto facíao o fascismo nos anos 30, o mesmo que vostedes aquí".

Finalmente, após a intervención de Caride, a veciñanza abandonou voluntariamente o salón de plenos, mentres o rexedor daba a palabra ao concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, a quen lle espetou: "Lamento que os seus amigos tivesen que marchar".

O concelleiro do BNG tentou facer uso da palabra mais o rexedor impediullo ao interropelo en múltiples ocasións dicíndolle "ten un minuto para intervir". 

Pérez Igrexas apelou á calma dicíndolle que "estivese tranquilo" mais o alcalde da cidade olívica continuou a interrompelo.

A asociación Avibe, integrante da plataforma 'Vigo somos todxs' canda outros 16 colectivos, denuncia a "falta de participación cidadá e falta de escoita" por parte do Goberno municipal. "Só pedimos municipalismo democrático e valente, porque percibimos o Concello como a administración máis próxima aos veciños", trasladaron, á vez que expresaron a súa esperanza de que o Executivo de Caballero "cambie de actitude" e opte por recibilos para escoitalos "respectuosamente", motivo polo que acudiron ao pleno.

A plataforma mobilizouse o pasado 5 de decembro para denunciar que, fronte ás reclamacións, o Concello "non negocia e non atende ás críticas dos veciños", impulsando accións "unilaterais" que afectan ao día a día dos mesmos e que non son "consensuadas, consultadas ou participadas cos miles de persoas afectadas".