Caballero exixe utilizar as novas contas da Xunta para fortalecer o benestar

O PSdeG reclama a Feixoo protexer as persoas máis vulnerábeis e reclama o cesamento da conselleira de Política Social.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)

O Parlamento vota esta terza feira, 26 de xaneiro, os orzamentos da Xunta da Galiza para 2021, unhas "contas expansivas" que, en opinión do secretario xeral do Partido Socialista, Gonzalo Caballero, o PP "debe aproveitar para facer un reforzo de protección social das persoas".

O líder do PSdeG apuntou que "os orzamentos de 2021 teñen que ser os do fortalecemento do Estado do benestar" e subliñou que a Xunta debe "rescatar" todos os sectores económicos que se vexan afectados polas súas medidas e contra a pandemia. 

Caballero, en rolda de prensa previa a coñecérense as novas restricións da Xunta, reclamou "tomar todas as restricións necesarias para protexer a saúde" e chamou a fortalecer o sistema do benestar, cun mellor rastrexo”, un sistema que actualmente “segue a ser de pena", dixo, insistindo tamén no reforzo da sanidade pública. 

"A Xunta ten a obriga legal e moral de fortalecer o sistema de residencias, o sistema sanitario e de protexer os máis débiles fronte á Covid”, explicou, remarcando que o Goberno galego "ten que protexer" as persoas maiores que están nas residencias "porque cada día hai  contaxios masivos" nestes centros.

"Cambiou o equipo da Consellaría de Política Social pero se ten que cambiar a conselleira teno que facer xa. Non podemos seguir vendo cada día que hai residencias con contaxios masivos", incidiu.

Así mesmo, considerou necesario defender a poboación máis vulnerábel como as e os pacientes ingresados no Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago, cun gromo que afectaba hoxe máis de 35 persoas.

Tamén reclamou mecanismos de conciliación para as familias con crianzas que non poden ir ás aulas por estaren confinadas e lembrou que na actualidade os  contaxios en centros educativos superan os 2.000.

Comentarios