'Bordamos feminicidios', a iniciativa mexicana que loita contra a violencia machista, chega á Galiza

Os bordados colectivos de índole reivindicativa naceron con ‘Bordamos feminicidios’ en México e agora repítense noutros lugares do mundo para dar visibilidade ás mulleres e nenas asasinadas pola violencia de xénero.
Bea Lema, María Ribas e Pedro Branco, esta sexta feira na Coruña. (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza)
Bea Lema, María Ribas e Pedro Branco, esta sexta feira na Coruña. (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza)

A Delegación do Goberno español na Galiza, xunto á ilustradora Bea Lema, replicaron esta sexta feira na Coruña con ‘Bordados contra a violencia’ a acción combativa que naceu no seo das plataformas feministas mexicanas para loitar contra os feminicidios e o machismo. Foi a través dunha lección colectiva decorrida na propia Delegación gobernamental e que estivo dirixida pola creadora coruñesa, Premio Nacional de Cómic 2024. Nela participaron unha vintena de persoas, entre as que se atopaban o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, a subdelegada na Coruña, María Ribas.

Na presentación, Branco lembrou as catro mulleres asasinadas este ano pola violencia machista na Galiza e puxo en valor a importancia de abrir espazos de reflexión sobre a violencia que sofren as mulleres en todos os ámbitos, incluídos o artístico ou o creativo. Neste caso, empregando “o fío e o tecido como ferramentas de expresión colectiva do feminismo e da igualdade”, rachando coa “idea do bordado como tarefa doméstica, que moitos aínda teñen, que asocia esta actividade á imaxe tradicional da muller na casa e en silencio. Todo o contrario”. Pedro Branco agradeceu a colaboración de Bea Lema, con quen se reuniu co gallo da concesión do Premio Nacional de Cómic, para traer á Galiza, por primeira vez, este tipo de accións colectivas que xa están presentes noutros lugares do mundo.

En concreto, as accións de bordado reivindicativas naceron hai máis de dez anos en México con colectivos como ‘Bordamos feminicidios’ e ‘Fuentes Rojas’, baixo a premisa, ‘unha vítima, un pano’. Nestes encontros, o acto de coser e bordar transfórmase nun diálogo colectivo, no que as persoas que participan reflexionan en voz alta sobre as violencias, sobre as mulleres agredidas e trasladan o froito desta reflexión ao tecido e o fío.

Ademais, estes encontros convértense en espazos seguros para que as mulleres poidan reflexionar e expresar as súas experiencias persoais co machismo e, tamén, poidan denunciar situacións de violencia persoal. En ocasións, algunhas das participantes deron conta da súa situación persoal de violencia ao coñecer e bordar os relatos que falan de como os homes trataban as mulleres que despois, finalmente, asasinaron. De feito, moitos dos panos reflicten os nomes de mulleres asasinadas, de forma que as participantes tamén dan voz e memoria a esas mulleres falecidas. 

Unha iniciativa estendida a todo o mundo

A iniciativa de ‘Bordar feminicidios’ xurdiu en México como reacción á realidade de que nove mulleres e nenas eran asasinadas de media ao día neste país, segundo os datos de ONU Mulleres. Ao pouco, esta idea prendeu noutros países da contorna e do resto do mundo, como o Perú, Canadá, ou Sudáfrica, onde máis organizacións empregan a agulla e o fío para denunciar a violencia contra as mulleres. En Arxentina, o colectivo ‘Tejiendo feminismos’ confeccionou en 2019 a bandeira feminista máis grande do mundo con achegas de mulleres de distintos países. No Uruguai, o ‘Sindicato de la Aguja’ promoveu a fabricación este ano de miles de bandeiras para o Día da Muller a través da iniciativa ‘Mi balcón feminista’; en España, a asociación cultural ‘Hilando Vidas’ realiza tamén este tipo de accións de arte colaborativa para reivindicar a igualdade e a diversidade. A nivel internacional, organizacións como Common Threads Project empregan o bordado e a costura como ferramenta de recuperación das vítimas de violencia sexual en conflitos ou de situacións de trata.

Comentarios