O BNG ve "intencionalidade política" na demora da transferencia da AP-9 á Galiza

Néstor Rego insiste en que a actual situación "ademais de inxusta é ilegal".
EuropaPress_3550570_militantes_simpatizantes_bng_protesta_peajes_ap_9
photo_camera Concentración o pasado febreiro en protesta polas peaxes da AP-9 (Foto: Europa Press)

En febreiro pasado o pleno do Congreso admitía a trámite a proposición de lei do Parlamento galego ─aprobada por unanimidade no Hórreo a proposta do BNG─ para a transferencia da AP-9 á Galiza. Non foi até xuño, tamén despois dun escrito do BNG, que se puxo fin ao prazo de presentación de emendas, levando a que o 21 de setembro se constituíse a ponencia encargada de impulsar a norma para deixar en mans da Administración galega a principal arteria de comunicación do país. Desde entón non hai noticias.

Lembrouno esta terza feira o portavoz en Madrid da formación nacionalista, Néstor Rego, nunha comparecencia previa ao pleno na Cámara Baixa onde se tratou a implantación de novas peaxes en todas as vías de alta capacidade para, segundo o Goberno español, fomentar o uso do transporte público. Medida á que se opuxo o BNG xa que, tal e como lembrou Rego, "na Galiza non hai alternativas" ao vehículo privado. 

A respecto da demora na tramitación da lei de transferencia da AP-9, o deputado afirmou que "non se pode xustificar de ningunha maneira" e considerou que "claramente ten unha intencionalidade política, onde parecen estar de acordo tanto o PP como o PSOE".

Neste sentido, apelou especialmente aos socialistas, que son quen ostentan a Presidencia da Comisión de Transportes. É dicir, quen teñen a potestade de convocar a ponencia para tramitar a lei. 

A AP-9, vía de unión de cinco das sete cidades do país, dos tres aeroportos e dos principais portos de interese xeral, ten unha das peaxes máis caras do Estado e é unha das tres con concesións de longa duración (como a AP-53, tamén na Galiza). O 23 de setembro a UE declarou ilegal a ampliación da concesión desta autoestrada até 2048 (35 anos máis desde 2013). "Tería que ser non só de balde, senón que a concesionaria debería devolver todas as peaxes cobradas ilegalmente nos últimos oito anos", defendeu Rego, que asegurou que a situación actual "ademais de ilegal é inxusta" e "penaliza o desenvolvemento económico do noso país".

Ao respecto, incidiu tamén na necesidade da modernización da vía férrea galega, citando como exemplo o atraso que padece a cidade de Lugo.

Intérpretes no Sergas

Por outra banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou esta terza feira que a Xunta cumpra o acordo parlamentario do 25 de febreiro e dote de intérprete de xordos aos centros sanitarios para facilitar a comunicación dos pacientes cos facultativos, especialmente en urxencias.

Nunha conferencia de prensa tras reunirse coa Federación Galega de Xordos, Pontón advertiu da necesidade de "garantir o dereito á saúde, á educación" e a desenvolver unha vida con plena "igualdade" en accesibilidade. Isto é, eliminando barreiras físicas, mais tamén comunicativas.

Comentarios