O BNG exixe frear os parques de máis de 50 MW que colidan co Plan Eólico

A deputada Noa Presas defendeu unha moción para demandar ao Estado as competencias de planificación enerxética (Foto: Nós Diario).
Nunha moción que non saíu adiante polo voto en contra do PP, demandou ao Estado as competencias en materia de planificación enerxética.

A deputada e portavoz de Enerxía do BNG, Noa Presas, defendeu nesta terza feira unha moción no Pleno da Cámara galega contra o modelo eólico da Xunta, que cualificou de "inxusto, antigalego e insostíbel", e, pola contra, propuxo unha nova planificación baseada "na ordenación, a participación pública, a defensa do autogoberno e os intereses galegos".

Nesta liña, Presas urxiu a paralizar "calquera proxecto eólico superior a 50 megawatts (MW) que colida contra o Plan Sectorial Eólico ou con calquera categoría de protección ambiental" e que poida ocasionar "unha irreversíbel afectación ambiental, social ou económica".

Traspaso de competencias

Aliás, a deputada demandou ao Goberno estatal executar as "modificacións oportunas" da Lei 24/2013 do sector eléctrico, co gallo de que Galiza "poida exercer as competencias a respecto das instalacións de produción enerxética", en alusión aos numerosos proxectos que está a tramitar o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Na actualidade, dixo, o país vive "un auténtico terremoto no sector enerxético", alén do "boom eólico descontrolado que está a ser parte dos problemas sociais e económicos no canto de contribuír a ser parte da solución", salientou, facendo referencia tamén ao recente incremento do prezo da electricidade.

"Temos marxe para planificar, e temos dereito a facelo", afirmou.

Noa Presas concluíu a súa intervención reclamando para Galiza un novo Plan Eólico, "habilitando maiores zonas de exclusión que incorporen as zonas previstas de ampliación da Rede Natura 2000".

Porén, a moción foi rexeitada polo voto en contra da bancada popular.