O BNG urxe o Goberno español a garantir a liberdade de expresión e pór fin á criminalización da solidariedade co pobo palestino

O BNG vén de rexistrar no Congreso español iniciativas para reclamar "explicacións" ante a denuncia presentada pola Garda Civil contra o activista Bruno Lopes Teixeiro por apoiar a loita do pobo palestino contra o Estado de Israel.
Néstor Rego no Congreso. (Foto: Nós Diario)
Néstor Rego no Congreso. (Foto: Nós Diario)

O portavoz do BNG no Congreso español, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para reclamar ao Goberno estatal "explicacións e actuacións inmediatas" ante a denuncia presentada pola Brigada de Información da Garda Civil contra o activista galego Bruno Lopes Teixeiro, militante do Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes. Lopes está acusado dun presunto delito de odio derivado de publicacións en redes sociais de apoio á loita do pobo palestino e de denuncia das "agresións do Estado sionista de Israel".

Rego advirte de que esta situación "implica unha ameaza directa á liberdade de expresión e ao pluralismo político", ao tempo que cuestiona "a incapacidade das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado para, ao parecer, saber diferenciar con claridade o antisionismo do antisemitismo".

A formación nacionalista considera que a denuncia contra Lopes Teixeiro, baseada "unicamente" en chíos do activista, "carece absolutamente de fundamento e que se trata dunha acusación infundada que criminaliza opinións lexítimas". "Na Galiza son milleiros as persoas que rexeitan a existencia dun Estado sionista imposto sobre o pobo palestino e baseado na ocupación e na discriminación racial e relixiosa, e iso non pode ser motivo de persecución policial", subliña Néstor Rego.

O portavoz do BNG lembra que a solidariedade co pobo palestino maniféstase de múltiples formas —mobilizacións, concentracións e tamén comunicacións nas redes sociais— e que "exixir o fin do xenocidio e defender os dereitos dun pobo non pode ser considerado un delito de odio".

"Deriva represiva"

Ante a denuncia presentada contra o activista, Néstor Rego reclama ao Goberno español que aclare se coñece esta liña de actuación da Garda Civil e que se desmarque explicitamente de calquera interpretación que considere que a denuncia do sionismo ou a defensa do dereito á existencia do pobo palestino constitúan un delito. "Hai que garantir o pleno exercicio dos dereitos fundamentais da cidadanía, tamén o de liberdade de expresión, de prensa e de manifestación", afirma Rego.

A formación nacionalista demanda tamén ao Goberno estatal aclarar se deu algunha indicación para perseguir actos ou mostras de solidariedade con Palestina e que, de non ser así, emita instrucións claras para evitar actuacións semellantes no  futuro. "Non podemos permitir que se inicie no Estado español unha deriva represiva como a que xa se está a ver noutros países europeos, onde se chegou a prohibir calquera mostra de apoio ao pobo palestino", alerta o deputado do BNG.

Finalmente, Néstor Rego exixe que se investiguen as actuacións da Garda Civil neste caso concreto e que se adopten medidas para garantir que as Forzas e Corpos de Seguranza do Estado comprendan a diferenza entre antisemitismo e antisionismo, asegurando sempre o "respecto polos dereitos fundamentais" e evitando "situacións de indefensión da cidadanía". "Defender os dereitos dos pobos e combater o fascismo non pode converterse nunha nun motivo de persecución", conclúe Néstor Rego.

Comentarios